A Xunta aposta dende Tecnópole pola certificación na industria forestal como base da bioeconomía

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

No transcurso dunha xornada técnica celebrada recentemente na sede do CIS Madeira, en Tecnópole, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou a importancia da certificación forestal como base da bioeconomía, sinalando que lograr este fito é garantía de sustentabilidade e dunha xestión que aposta polo coidado do ecosistema.

Lema destacou a aposta do goberno galego pola utilización de recursos naturais renovables, como a madeira, e por procesos produtivos respectuosos co medio, recordando que a Xunta está a impulsar a formación neste ámbito con accións de sensibilización e divulgación sobre o uso deste material. Así mesmo, indicou a importancia de dar a coñecer os diferentes usos da madeira en sectores como a construción. O director de Xera apostou tamén por mellorar a formación e a innovación no sector.

Precisamente en relación a estes dous últimos aspectos, Xunta e CIS Madeira presentaron os avances do proxecto europeo Erasmus +Futurefacing durante a última edición da Feira do Moble na Estrada. Nesta iniciativa participan, ademais do centro tecnolóxico situado en Tecnópole, o CIS Galicia; a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta; as empresas Finsa e Ilva; o centro educativo Rakvere Ametikool de Estonia; e a asociación británica de fabricantes de acabados British Coating Federation.

A representante do CIS Madeira, Montserrat Rodríguez, indicou que o obxectivo que se marcaron é "transmitirlles aos alumnos información actualizada sobre os acabados e revestimentos dos mobles" porque serán eles os que "levarán a innovación ás empresas" ao incorporarse ao mercado laboral. De aí que se apostase por crear un manual para que alumnado e profesorado teñan información actualizada; un simulador virtual de vernizado que se exhibiu na Feira do Moble e que busca facilitar a aprendizaxe dos alumnos; e unha base de datos de produtos usados en acabados e revestimentos, que será pública e permitirá consultar unha lista de fabricantes a través de internet.

(Fonte: La Voz de Galicia e Faro de Vigo)