Tecnópole renova a súa colaboración co Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo, no que colabora Tecnópole, chega este ano á súa sexta edición. O 12 de xullo publicarase a lista de admitidos na primeira preinscrición e o 27 de agosto abrirase outro prazo para as vacantes.

O programa de posgrao impártese na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus Universitario de Ourense, coa colaboración do Parque Tecnolóxico, varios grupos empresariais e outras entidades. Ao tratarse dun máster universitario oficial conta con taxas públicas reducidas, homologación e integración no Espazo Europeo de Educación Superior e garantía de calidade a través dun proceso externo de verificación.

Este máster integra dous ámbitos de especialización interrelacionados: a creación e dirección de empresas e a xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade. Terá unha duración de 90 créditos -60 de docencia teórico-práctica e 30 de prácticas-. A docencia impartirase en sesións de venres pola tarde e sábado pola mañá no período comprendido entre a primeira semana de setembro de 2013 e principios de xuño de 2014. O último período do máster corresponderase coas prácticas dos/as alumnos/as en empresas ou en organizacións de soporte á investigación e innovación e á realización do traballo fin de máster.

O persoal do Parque Tecnolóxico de Galicia experto en temas de innovación apoiará o alumnado na elaboración do proxecto de creación de empresa mediante o seu gabinete de viabilidade e apoio a emprendedores. Ademais, organizará para os alumnos unha visita a Tecnópole e unha actividade orientada á innovación.

Ademais, o alumno ou alumna que leve o premio ao mellor proxecto empresarial de fin de máster poderá poñer en marcha a súa idea de negocio nas instalacións de Tecnópole en iguais condicións que os ocupantes da preincubadora de empresas que a entidade pon a disposición dos estudantes da Universidade de Vigo. Así, terán dereito a ocupar gratuitamente un espazo durante un ano, contarán con servizos de comunicacións tamén sen custo e disporán de asesoramento técnico especializado.

Máis información en http://webs.uvigo.es/mastercidie.