Tecnópole renova a súa colaboración coa aceleradora Agrobiotech na apertura da segunda convocatoria

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Tecnópole volverá ser entidade colaboradora de referencia do programa Agrobiotech, a aceleradora de empresas dirixida a potenciar o despegue das pemes galegas innovadoras dos sectores da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa en fase de crecemento.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración para o desenvolvemento da segunda edición deste programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros. Deste xeito, mañá mesmo está previsto abrir durante un mes a convocatoria para a selección das empresas participantes na páxina web do programa agrobiotech.gal.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se enmarca na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), está destinada a pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica. O programa busca, ademais, a vertebración do interior de Galicia, Lugo e Ourense. Por iso, as empresas situadas nestas provincias terán unha puntuación maior no proceso de selección, co obxectivo de fixar poboación no rural, unha das prioridades do Goberno galego. Ademais, exixirase que as firmas, xa constituídas, teñan facturación no ano 2016, ao tempo que se valorará o incremento de volume de negocio nos tres últimos anos.

Novidades

Esta aceleradora de empresas inclúe este ano novidades especialmente destinadas a aumentar a individualización dos servizos e céntrase en dous grandes grupos de actuacións.

En primeiro lugar, un itinerario personalizado de aceleración para as empresas seleccionadas, ata un máximo de 10, que poderán beneficiarse dos servizos incluídos nun programa de traballo individualizado e a medida deseñado por titores especialistas e orientado cara a cumprir catro obxectivos: a mellora da facturación e innovación das empresas; dos seus produtos innovadores no mercado; das vendas no exterior e internacionalización; e da captación de financiamento externo.

Agrobiotech, en segundo lugar, inclúe accións transversais nas que poden participar as empresas beneficiarias da primeira edición da iniciativa, como é o II Encontro Agrobiotech Innovación, orientado a profesionais e axentes referentes e que se celebrará no Parque Tecnolóxico de Galicia. Como novidade nesta edición, buscarase a participación activa dos clústers, centros tecnolóxicos e empresas tractoras referentes. O pasado ano tomaron parte neste congreso 330 participantes de España, Francia e Portugal con 56 relatores expertos, 28 expositores de produtos e servizos innovadores e a realización de máis de 130 reunións one to one.

Tamén se inclúe unha continuidade da Lonxa de Inversores Bio, no que as pemes poden formarse e recibir titorización para mellorar o seu plan de negocio, e unha avaliación dos resultados das 11 empresas que tomaron parte na primeira edición deste programa.

A primeira edición

A valoración das compañías que tomaron parte foi alta con respecto aos seus resultados: o 100% recomendan o programa; o 82% das pemes prevén xerar emprego; e o 73% reportan mellora da xestión e apertura de novas liñas de negocio. Ademais, é preciso destacar que as novidades incluídas na edición deste ano son froito dunha avaliación que a Xunta fixo das accións realizadas tanto por parte das empresas como por parte das entidades colaboradoras (Tecnópole, Cetal, Clusaga, Asebio e Bioga).

En definitiva, este programa está orientado a aumentar o potencial innovador das pemes galegas, favorecer o desenvolvemento de novos produtos innovadores, establecer relacións con novos socios e facilitar a transferencia de información entre empresas. O que se persegue é favorecer a consolidación das empresas e o seu crecemento sustentable.

Agrobiotech forma parte da Rede Galega de Aceleradoras, a través da cal se desenvolveron, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros.

Os tres sectores emerxentes nos cales se centra Agrobiotech están a ser impulsados pola Xunta con diferentes iniciativas: a biotecnoloxía, a través da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía, na que a Xunta leva investidos preto de 20 millóns en menos dun ano, que implican unha mobilización total de case 40 millóns; a biomasa, a través da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, coa que se pretende aforrar 70 millóns anuais na compra de combustibles fósiles e crear 1000 novos postos de traballo; e a agroalimentación, a través dun novo programa pioneiro en Galicia, dotado de 90 millóns, que permitirá impulsar a contratación laboral de 10.000 menores de 30 anos neste sector e na industria 4.0.