Tecnópole presta soporte ás pemes galegas para concertar reunións bilaterais no Congreso Mundial de Internet das Cousas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

As pemes galegas interesadas en manter encontros bilaterais con outras empresas ou entidades no marco do evento de brokerage paralelo ao Congreso Mundial de Internet das Cousas poderán contar co soporte de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, que dinamiza a participación galega no evento na súa condición de membro da rede Galactea Plus, o nodo español da Enterprise Europe Network.
 
O IoT Solutions World Congress, o maior congreso internacional sobre o internet das cousas, terá lugar entre o 29 e o 31 de outubro en Barcelona. Nel reuniranse máis de 400 expositores, entre os que figuran os principais provedores mundiais de solucións IoT, intelixencia artificial e blockchain. O salón ofrecerá un amplo abano de produtos, servizos e ferramentas para impulsar a transformación dixital de sectores como o transporte, a fabricación de bens, a atención sanitaria, a enerxía e os subministros, a construción, as infraestruturas, ou a agricultura.
 
No seu papel de coorganizador do evento de brokerage que se celebra en paralelo ao congreso, Parque Tecnolóxico de Galicia ofrece soporte ás pemes galegas para xestionar a busca de contactos adecuados, así como para concertar reunións con eles. A participación no programa de reunións bilaterais é gratuíta e supón ademais un 50% de desconto na entrada ao congreso.

As empresas interesadas deben rexistrarse previamente na plataforma antes do 24 de outubro. O listado de empresas xa inscritas que participarán nas reunións xa está dispoñible.
 
Acceso a oportunidades internacionais
 
Durante a pasada edición, o evento acolleu 700 reunións bilaterais nas que participaron 350 empresas e entidades de 35 países de todo o mundo, o que supón un marco de oportunidade moi relevante para encontrar socios tecnolóxicos e comerciais a nivel internacional.

Os brokerage events son unha ferramenta especialmente interesante para as pemes, xa que lles permiten acceder a contactos habitualmente fóra do seu alcance. O soporte experto de entidades como Tecnópole proporciónalles a garantía dunha axenda de reunións adaptada á súa dispoñibilidade, a identificación de potenciais socios internacionais para proxectos en colaboración, o contacto con empresas líderes e decisores e o establecemento de relacións comerciais duradeiras máis alá das súas fronteiras.