Tecnópole impulsa as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas con dous días de actividades

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Máis dun cento de escolares de Ourense participarán a mediados deste mes de outubro en dúas xornadas organizadas por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Tecnópole únese así a outros 13 parques de toda España no marco da iniciativa “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino”, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).

As xornadas seranlles presentadas esta tarde aos alumnos e alumnas das Aulas Tecnópole coincidindo co primeiro día de curso do programa de formación en habilidades científicas e innovadoras que o Parque Tecnolóxico organiza co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os días 18 e 19 de outubro serán senllos grupos do IES O Couto e do IES As Lagoas os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).

O programa de actividades deseñado por Tecnópole está protagonizado pola oferta de referentes ás rapazas. Por unha parte, visitarán unha exposición que fai un percorrido por mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos e, por outra, terán ocasión de compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous talleres nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As ganadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía “ Que quero ser de maior?”, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

A intención da APTE e dos parques participantes nesta iniciativa é darlle máis visibilidade e aumentar a capacidade de atracción dos estudos da rama científico-tecnolóxica entre o público feminino máis novo. O obxectivo final é contribuír a un Sistema de Innovación máis igualitario en España no que se poida desenvolver todo o talento á marxe do xénero. En total, as actividades chegarán a máis de 2000 escolares de todo o país entre outubro e novembro.