Tecnópole coordinará con Gain o evento de reunións bilaterais da Conferencia da Plataforma de Stakeholders do Atlántico

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Tecnópole é, xunto coa Axencia Galega de Innovación (Gain), a encargada de organizar o evento de reunións bilaterais da próxima Conferencia da Plataforma de Stakeholders do Atlántico, que se celebrará en Vigo o 23 de outubro. Ambas as dúas entidades asumen esta tarefa na súa calidade de nodos en Galicia da Enterprise Europe Network, a través do consorcio Galactea Plus.

A conferencia é o evento anual máis importante do Plan de Acción do Atlántico, xestionado por unha rede de unidades que operan dende España, Francia, Irlanda, Portugal e Reino Unido para promover un crecemento intelixente da área a través de accións coordinadas.

Ademais de presentar os principais fitos do plan ao longo do último ano, as actividades programadas na conferencia buscan poñer en contacto a todos os grupos de interese da área atlántica para establecer vías de colaboración, compartir información e identificar oportunidades de financiamento e posibles socios para os seus proxectos.

No marco da conferencia, durante a primeira das súas dúas xornadas terá lugar o evento de reunións bilaterais organizado por Tecnópole e Gain. O obxectivo será concertar encontros entre pemes e outras entidades da área atlántica para promover colaboracións en proxectos. Ademais, poderán solicitarse reunións con representantes da Comisión Europea, o Banco Europeo de Inversións, a Rede de Business Angels, ministerios e outras institucións para coñecer as oportunidades de investimento abertas a empresas e valorar proxectos concretos.

A solicitude de reunións estará aberta ata o 15 de outubro a través da web do evento.

Información e programa da conferencia.