Tecnópole celebrou un espectáculo de ciencia online para máis de 10.000 rapaces de toda España no marco do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Parque Tecnolóxico de Galicia participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas.

No marco deste proxecto, celebrouse desde Tecnópole un espectáculo de ciencia online dirixido a alumnos de primeiro a terceiro de Secundaria de toda España, que reuniu a máis de 10.000 rapaces, e no que participaron os 18 parques que forman parte do proxecto. A presentación realizouna a directora de GAIN -Axencia Galega de Innovación-, Patricia Argerey, conselleira delegada de Tecnópole. Salientou que para o Goberno galego “é unha prioridade espertar o interese e a motivación das nenas e nenos pola ciencia e a innovación, xa que o capital humano é un dos factores clave para a competitividade do noso tecido produtivo e nos nosos centros de coñecemento e, por tanto, da nosa comunidade”.

Durante o evento deuse a coñecer o proxecto e presentouse tamén a guía Que quero ser de maior?, da man do presidente de APTE, Felipe Romera, e da directora xerente da Asociación, Soledad Díaz. A través desta guía, que se fará chegar aos centros educativos de Secundaria de toda Galicia, búscase promocionar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Recóllense as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual.

Ciencia fresca e cargada de humor

O espectáculo de ciencia, dinamizado polos divulgadores científicos Patricia Barciela e David Ballesteros, consistiu na realización dunha serie de experimentos, xogos e curiosidades. A finalidade desta experiencia era que os máis novos descubrisen que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos.

Nesta proposta, fresca e cargada de humor, os dous divulgadores achegáronse á problemática do fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as mozas e os aspectos que xeran un déficit de estudantes universitarias nestes ámbitos. Para iso, romperon roles e estereotipos, aproximáronse a momentos estelares da ciencia protagonizados por mulleres e desenvolveron experimentos de grande espectacularidade. Buscaban “provocar no público unha reflexión sobre a importancia da ciencia e a tecnoloxía e a relevancia de decidir o noso futuro profesional dunha forma libre e sen barreiras físicas nin mentais”.

Catro científicas galegas incorpóranse á exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”, referentes para as novas xeracións

O evento rematou coa presentación da exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”, que se exhibe de xeito permanente nas instalacións de Tecnópole e que para esta edición se enriqueceu coa incorporación de novos paneis relativos a catro científicas relevantes que desenvolven o seu labor no Parque Tecnolóxico de Galicia. Trátase de Esther Merlo, pioneira en España en utilizar a velocidade de desprazamento dunha onda dentro da árbore para avaliar a rixidez da madeira, fundadora da empresa Madera Plus Calidad Forestal, e que traballa para optimizar a xestión forestal sostible e o uso da madeira; Mª Azahara Soilán, especialista na utilización de madeira como material estrutural para unha construción respectuosa co medio, exerce o seu labor no CIS-Madeira. Enma Conde traballa no eido da biotecnoloxía como directora de I+D+i da empresa Glecex, que presta servizos tecnolóxicos a empresas do sector agroalimentario, cosmético e de nutracéuticos. Lucía Novelle, socia fundadora da empresa Ingeo, é especialista no estudo e deseño de instalacións de enerxía xeotérmica.

A exposición amosa a traxectoria de mulleres científicas e tecnólogas no ámbito galego, nacional e internacional que deixaron a súa pegada ao longo da historia e que agora se pretende que sexan referentes para as novas xeracións. É o caso da precursora do libro electrónico, Ángela Ruiz Robles; a pioneira da programación que levou o Apolo á Lúa, Margaret Hamilton; a astrónoma que descubriu a materia escura, Vera Rubin; a primeira persoa que creou un programa de ordenador, Ada Lovelace; ou a bioquímica Gertrude B. Elion, que descubriu tratamentos para a leucemia e a malaria e fixo posible os transplantes de órganos; entre outras.