Tecnópole acollerá o programa de creación e consolidación de empresas da escola de negocios estatal EOI en Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Tecnópole organizará e celebrará os cursos dos programas de formación empresarial para o apoio ao autoemprego e a creación e consolidación de empresas da escola de negocios da Fundación EOI. Estas accións formativas, que marcan o inicio dunha colaboración máis ampla entre as dúas entidades, contan co financiamento do Fondo Social Europeo e do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

A través do convenio asinado esta mañá en San Cibrao das Viñas (Ourense) polo vicepresidente e conselleiro delegado do Parque Tecnolóxico de Galicia, Salustiano Mato de la Iglesia, e o director xeral da EOI, Luis Díaz Marcos, Tecnópole convértese no socio de referencia da Fundación EOI en Galicia para todo o ano 2008.

As accións formativas, que prestan especial atención ao ámbito das novas tecnoloxías, incluirán unha fase formativa de carácter teórico-práctico na que se conxugarán a discusión de técnicas e casos de éxito coa integración das empresas que se creen ao amparo do programa na Redepyme, un recinto empresarial permanente de carácter virtual creado pola EOI que lles ofrece ás Pemes servizos de valor engadido en materia de asesoría, seguimento e interrelación entre emprendedores a través da internet (www.redepyme.com).

Para toda Galicia

Mediante o convenio de colaboración asinado hoxe, a escola de negocios EOI, experta a nivel estatal en formación empresarial, pon a súa experiencia formativa ao servizo dos emprendedores e pequenos e medianos empresarios galegos a través da Tecnópole, que achegará toda a infraestrutura necesaria para a realización dos cursos e captará ao alumnado.

Os requisitos para participar no programa de formación son ser emprendedor ou empresario, superar o proceso de selección e asistir polo menos ao 80% das horas lectivas e de consultoría.

A Fundación EOI

A Fundación EOI é unha entidade pública estatal que se dedica á formación e á realización e promoción de estudos e investigacións científicas e técnicas, fundamentalmente nos ámbitos da industria, do medio ambiente, da innovación, das novas tecnoloxías, da pequena e mediana empresa, da propiedade industrial e da economía.
EOI foi incluida como beneficiaria e organismo intermedio no Programa operativo de intervención comunitaria do Fondo Social Europeo de Adaptabilidade e Emprego, no marco dos obxectivos de converxencia e competitividade rexional e de emprego de España.