Tecnópole acolle a VII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

O Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole- é o encargado este ano de acoller a VII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), que terá lugar os vindeiros 5 e 6 de novembro. O encontro anual de enclaves de innovación cumpre a súa sétima edición en Galiza, coincidindo co 15 aniversario do parque anfitrión.

O Auditorio de Ourense, que será unha das tres localizacións da Conferencia xunto coa Tecnópole e a vila de Allariz, foi o escenario esta mañá da presentación do evento, na que estiveron presentes o director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria e vicepresidente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Salustiano Mato; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal; e o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla.

Salustiano Mato apuntou a importancia da celebración deste evento para o Parque Tecnolóxico de Galicia, que se converte así este ano no centro neurálxico da Rede de Parques Científico-Tecnolóxicos estatal, e recalcou a gran oportunidade que supón a celebración da VII Conferencia APTE para dar a coñecer ao resto do Estado a notable evolución que experimentou a Tecnópole nos últimos anos e para presentar a política en materia de parques científico-tecnolóxicos que se está a desenvolver dende o goberno galego.

Pola súa banda, Alexandre Sánchez agradeceu á Consellería de Innovación e Industria a elección da cidade de Ourense como sé para un congreso desas características e destacou a colaboración entre o Parque Tecnolóxico de Galicia e o goberno municipal.  “O potenciamento da Tecnópole deséñase como estratexia fundamental para o desenvolvemento da nosa cidade”, sinalou o tenente de alcalde, “xunto coa aposta polo termalismo e a posta en marcha do polígono industrial do Val da Rabeda”.  

Por último, o director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, expuxo que a Conferencia Internacional da APTE “congregará en Ourense a algúns dos talentos más innovadores da escea estatal e internacional, coa intención de, desde ópticas moi diferentes, facer fluír as ideas e o ánimo de provocar novas actitudes para innovar exprimindo ao máximo o talento”. Precisamente en consoancia con este enfoque, o lema oficial da Conferencia Internacional será ‘Innovar desde o talento’.

O enclave de innovación galego acollerá nesta edición da Conferencia Internacional da APTE a máis dun cento xestores e técnicos de parques científicos e tecnolóxicos de todo o Estado español, que se trasladarán a Galiza para poñerse ao día sobre as últimas tendencias no estímulo e a xestión do talento innovador.

Ponentes internacionais

Atendendo a unha das tendencias máis destacadas da innovación no panorama actual, a hibridación, no Parque Tecnolóxico de Galicia daranse cita talentos con procedencias moi diversas que exporán as súas experiencias e previsións de futuro. O obxectivo deste encontro é que os asistentes poidan recabar ideas de sectores diferentes ao seu que funcionen como achegas innovadoras para a súa propia xestión.

Así, estarán presentes especialistas na xestión da innovación coma Tapan Munroe, experto na economía do Silicon Valley e asesor de varios bancos do Val Central de California en temas relacionados coa planificación económica, financeira e empresarial; e Michel-Eric Dufeil, responsable de desenvolvemento rexional da Dirección Xeral de Política Rexional da Unión Europea. No ámbito concreto da xestión do talento innovador, o evento contará coa presenza do experto Santiago Álvarez de Mon, profesor titular do IESE que imparte clases e conferencias sobre liderado e goberno das organizacións en América, Europa e Asia e é autor de numerosos artigos e documentos de investigación sobre este tema.

Sobre as novas tecnoloxías e o futuro da Internet falarán Genís Roca, especialista na xestión do impacto que provoca nas organizacións a introdución de novas tecnoloxías e no desenvolvemento de redes sociais e a definición de modelos de presenza na rede; e Daniel Fernández Lestón, enxeñeiro galego de IBM encargado de explorar as posibilidades de negocio que ofrecen as contornas virtuais on-line como Second Life. Como representante da empresa galega innovadora, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a experiencia da empresa Blusens de man do seu presidente executivo, José Ramón García.

Para falar da xestión da innovación en sectores non directamente relacionados coas novas tecnoloxías estará, en primeiro lugar, Chema Dapena, investigador en artes plásticas con proxección internacional que ilustra á perfección o tándem arte-investigación na pintura, escultura, deseño industrial cerámica, vidro e microfusión de metais. Ademais, un grupo de expertos en gastronomía e enoloxía impartirán unha ponencia sobre a cociña e a adega como laboratorios. Trátase do cociñeiro galego Xosé Cannas, que colabora en proxectos de I+D cunha empresa de biotecnoloxía, e dos expertos en viños Xoán Cannas, José Luis Mateo e Raúl Pérez, este último unha das persoas máis influíntes no panorama vitivinícola internacional.

Os asistentes terán ocasión tamén de coñecer da man de Salustiano Mato, director xeral de I+D+i e conselleiro delegado da Tecnópole, o proxecto de ampliación da Tecnópole e a iniciativa da Rede Galega de Parques Científicos e Tecnolóxicos.