Tecnópole acolle un foro sobre economía circular e crecemento verde en Galicia e Portugal

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Tecnópole acolle o martes 7 de novembro un foro empresarial e de coñecemento sobre economía circular e crecemento verde en Galicia e Portugal. O evento permitirá coñecer a experiencia de varias pemes galegas e tamén de Adolfo Domínguez en calidade de grande empresa, ás que se sumarán centros tecnolóxicos e institucións con competencias neste ámbito a ambos os dous lados da fronteira, como o Instituto de Apoio às Pequenas e Médias Empresas portugués, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta e a Associação Empresarial de Portugal.

O foro ten como obxectivo dar visibilidade ás mellores prácticas promovidas por empresas, entidades e persoas no ámbito da sustentabilidade aplicada aos sectores do téxtil, o forestal e a xestión de residuos. Os relatorios a cargo de relatores expertos completaranse cun evento de reunións bilaterais pensado para intensificar as relacións entre as pemes e os centros de coñecemento de Galicia e Portugal.

A inscrición, de carácter gratuíto, está aberta, coa opción adicional de solicitar reunións bilaterais co obxectivo de identificar potenciais socios comerciais ou partners para proxectos de innovación.

O evento está especialmente deseñado para empresas, universidades, centros tecnolóxicos e de investigación e institucións que operan no campo da chamada economía circular, que avoga, en toda a cadea de produción de bens, pola redución de recursos e residuos, a reutilización, a reciclaxe e a recuperación de enerxía. As súas prioridades son o crecemento verde -intelixente e sustentable- co menor impacto ambiental posible.

A visión empresarial será exposta por Adriana Domínguez, directora xeral de Adolfo Domínguez; a quen se sumarán os xerentes de pemes galegas como Agroamb, AMSLab e Grupo Gestán e a portuguesa Ecocubo. Participarán tamén entidades como o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Xunta; o clúster luso de residuos; as asociacións de empresas téxtiles de Galicia e Portugal; e os centros tecnolóxicos EnergyLab e CIS Madeira, entre outras.

Parque Tecnolóxico de Galicia organiza o evento, en calidade de nodo en Galicia da Enterprise Europe Network –xunto con GAIN,–, a través do consorcio Galactea Plus, coa colaboración do centro tecnolóxico EnergyLab e a empresa Exportrends. A participación portuguesa no foro está coordinada pola Associação Empresarial de Portugal.

(Fonte: Tecnópole)