Tecnópole ábrelles as portas da I+D+i ás empresas dos polígonos industriais galegos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Tecnópole acaba de rematar un proxecto piloto de detección de oportunidades de I+D+I no Polígono Industrial de Pereiro de Aguiar (Ourense) polo que se realizou un diagnóstico de nove das súas empresas, é dicir, cerca da metade do total das situadas no recinto. A iniciativa, que forma parte do ‘Protocolo Común de Actuación de Creación de Antenas Tecnolóxicas de Parques en Polígonos Industriais’ (CATEPI), farase extensiva a partir de 2009 a outros polígonos de toda Galiza. 

Mediante este protocolo, varios parques membros da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) puxeron en marcha antenas de innovación en polígonos industriais das súas áreas de influencia con criterios de funcionamento integrados. Xunto co Parque Tecnolóxico de Galicia, levaron a cabo este proxecto en 2008 os parques de Albacete, Bizkaia, El Vallés (Barcelona) e Boecillo (Madrid).

Ao inicio do proxecto, que contou coa colaboración do Polígono Industrial de Pereiro de Aguiar nesta fase piloto, Tecnópole invitou a participar ás 22 empresas do recinto, das que finalmente se beneficiaron nove. A continuación, un equipo técnico do Parque Tecnolóxico de Galicia fixo unha diagnose exhaustiva da actividade e das oportunidades de cada unha das empresas en relación co seu potencial innovador e elaborou un informe en profundidade dirixido a favorecer a súa implicación en proxectos tecnolóxicos e de I+D+I. Como parte do proxecto, levouse a cabo a detección de demandas e ofertas tecnolóxicas por parte destas empresas e a busca de posibles socios para darlles cobertura dentro de Galicia ou fóra a través da Rede de Transferencia de Tecnoloxía da APTE.

Antenas de I+D+I

As antenas de I+D+I que o protocolo estatal promove e que está previsto extender en Galiza poñen a disposición das empresas dos polígonos industriais servizos avanzados de alto valor engadido, como se dunha especie de ‘sucursais’ dos parques tecnolóxicos se tratase. Así, prestaranlles asistencia na tramitación de axudas e subvención; na busca de socios para o desenvolvemento de proxectos; nas actuacións en materia de propiedade industrial; na identificación e publicación de tecnoloxías xa existentes; e na formación en I+D+i.
No caso concreto do Polígono de Pereiro de Aguiar, identificouse como unha das demandas prioritarias das empresas participantes a vixilancia tecnolóxica no ámbito dos materiais e os sistemas para o deseño e a produción industrial. Ademais, mostraron moito interese en recibir asistencia na implantación de normas de calidade e xestión medio ambiental, información sobre liñas de axudas públicas para detallistas, formación e probas de nova maquinaria automatizada para almacenistas e axuda para solicitar patentes e outras fórmulas de protección da propiedade industrial. De feito, unha das empresas foi xa asesorada neste programa piloto para poder protexer as melloras realizadas sobre unha grúa desenvolvidas polo seu equipo de traballo.

Como parte do proceso que levará á extensión do programa a outros polígonos industriais galegos, o traballo realizado neste ano incluíu tamén a realización dun mapa industrial da provincia de Ourense, que ademais do estudo en detalle do tecido empresarial serviu para identificar todos os axentes relacionados coa dinamización da economía provincial (asociacións de empresarios, federacións, centros de empresas, etc.).