A tecnoloxía que soporta o primeiro software para predicir a gravidade dun ictus será desenvolvida en Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A tecnoloxía que soporta o primeiro software para predicir a gravidade dun ictus será desenvolvida por Conexiona, ubicada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole. Para levar ao mercado este achádego en forma de produto innovador, a empresa ourensá acaba de lanzar, xunto co Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a spin-off LINCbiotech.

A nova spin-off biotecnolóxica, foi presentada en Santiago e Ourense, nace para desenvolver e comercializar un software de axuda á decisión clínica que cuantifica e mostra a temperatura cerebral a partir dos datos xerados mediante resonancia magnética (RM) en pacientes que veñen de sufrir un ictus.

Esta información intégrase coa imaxe volumétrica e espacial dos estudos de neuroimaxe, coa finalidade de proporcionar un diagnóstico máis preciso e personalizado aos pacientes. En particular, este software englóbase dentro dos sistemas de axuda á decisión clínica no ámbito neurolóxico, pero con potenciais desenvolvementos noutras áreas.

Ademais, LINCbiotech tamén traballará no desenvolvemento dunha tecnoloxía para inducir unha hipotermia focal ao paciente tras un ictus que, segundo teñen comprobado en modelos experimentais no laboratorio de neurociencias compostelán, é igual de efectiva para o paciente que a hipotermia sistémica, técnica empregada na actualidade para diminuir as secuelas dun ictus grave. Segundo explica o responsable científico do proxecto, José Castillo, “a través da aplicación de atrapadores do glutamato revertimos o efecto da alta temperatura, xa que un dos mecanismos do aumento da temperatura é o aumento do glutamato”.  Esta nova técnica é tamén froito das investigacións realizadas no LINC, xa patentadas.

Esta semana foi presentada a nova empresa na sede do Laboratorio de Neurociencias Clínicas, no Hospital Clínico de Santiago, por parte da xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez; José Castillo, director do LINC e director científico do IDIS; e de Carlos Sande, director de I+D e Proxectos de Conexiona. Posteriormente trasladáronse a unha visita á sede da empresa, en Tecnópole.

Segundo a planificación proxectada, o inicio da comercialización do software médico en España e Europa será a principios de 2019. O algoritmo xa foi testado en modelos de experimentación o pasado ano mentres que este ano estase a traballar no desenvolvemento e validación clínica en humanos.

Temperatura e ictus

O ictus é a segunda causa de morte no mundo. Cada 6 minutos o Ictus mata a unha persoa en España. Cada ano arredor de 130.000 españois sofre un ictus, sendo a segunda causa de mortalidade en España, a primeira en mulleres. Segundo as estimacións un terzo dos doentes que sofre un ictus falece e outro sufrirá discapacidade, o que lle impedirá valerse por si mesmo.

A temperatura corporal considérase un parámetro clínico clave e unha axuda ao diagnóstico e prognóstico no ictus, pero ata o de agora non existían técnicas non invasivas de medición. Coñecer a temperatura cerebral permite iniciar tratamentos hipotérmicos, o que permitirá unha redución do 10% da mortalidade e nun 20% as secuelas.

Na actualidade aos pacientes cun ictus grave pódeselles someter a unha hipotermia sistémica, que afecta a todo o corpo, método que ten mala tolerancia e moitas complicacións, xa que de feito precisa inducir o coma aos doentes.

As novas técnicas presentadas hoxe poderían ser útiles noutras patoloxías, xa que “o aumento da temperatura –subliña o doutor Castillo- empeora todas as enfermidades cerebrais, porque cada grao de aumento da temperatura no cerebro incrementa un 20% as súas necesidades metabólicas”.