Sonen crea un selo gratuíto de calidade acústica para promover o confort en establecementos de hostalería e auditorios

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A empresa Sonen Acústica, unha iniciativa emprendedora nacida no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, vén de crear un selo gratuíto de calidade acústica para promover e acreditar o confort en establecementos de hostalería e auditorios. Polo de agora, sete locais galegos (cinco en Ourense e dous en Vigo), un en Barcelona e outro en Ibiza estrearon xa os seus selos.
 
O confort acústico, que se corresponde co control do ruído, é especialmente importante en espazos caracterizados pola aglomeración de persoas, o protagonismo da música ou mesmo o maior silencio posible. É o caso de restaurantes, discotecas, pubs, bares, salas de concertos, auditorios, salas de masaxe ou balnearios e spa, onde unha parte significativa do benestar e o disfrute están relacionados co nivel de ruído que teñen que soportar os clientes.
 
O selo AQ (siglas de acoustic quality, é dicir, calidade acústica) é unha acreditación que a empresa outorgará aos establecementos que o soliciten unha vez que os seus profesionais avalíen as condicións favorables do lugar para o control do ruído. O resultado agardado é unha comunidade de locais preocupados polo confort acústico que poderá utilizar o selo como un reclamo e unha garantía cara aos seus clientes.
 
“Da mesma maneira que a guía Trotamundos fai recomendacións por calidade do servizo e outros aspectos e Tripadvisor propón cualificar o ‘ambiente’ dos establecementos, o noso selo fará posible formular recomendacións por calidade acústica”, explica Óscar Outumuro, socio de Sonen.
 
Os locais que teñan as características acústicas idóneas poderán exhibir o adhesivo do selo AQ Sonen tras unha análise gratuíta das súas condicións. Tamén formarán parte da rede web de locais AQ (http://aq.sonen.es/), que xeolocalizará todos os establecementos adheridos para que os clientes poidan identificalos e facer eleccións de visita tendo en conta tamén o confort acústico.
 
Festival PortAmérica
 
Este proxecto iniciouse hai un ano na plataforma de ideas do festival PortAmérica, un encontro de música e ideas que se celebra ata o 20 de xullo en Nigrán (Pontevedra).
 
Precisamente, a empresa colabora este ano no festival repartindo gratuítamente tapóns de escuma que axudan a illar o ruído, polo que non só contribuirán ao descanso dos participantes que ocupan a zona de camping senón que axudarán ao maior disfrute dos conciertos, xa que se trata dun modelo de tapón que filtra o ruído pero permite escoitar a música de forma “limpa”. Segundo o socio de Sonen, “trátase dunha forma de concienciar a poboación da importancia de protexer o sistema auditivo, sometido a niveis de máis de 100dB durante horas neste tipo de festivais, e tamén para favorecer ao descanso pola noite nas zonas de acampada”.