Smartbites cumpre cinco anos enviando viño galego e whisky xaponés a máis de 30 países

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Smartbites.net, o proxecto online de dous mozos emprendedores galegos cumpre cinco anos. Neste tempo reconvertéronse varias veces, e actualmente, dende as instalacións de Tecnópole, están a enviar viño galego e whiskies de luxo a máis de 30 países, dende Suíza ata Sudáfrica.

Hai cinco anos comezaba a súa traxectoria en Santiago de Compostela www.smartbites.net co obxectivo de achegar produtos gastronómicos de gran calidade e difíciles de atopar a todos os públicos.

Naqueles momentos, abril 2012, saía á luz como web especializada en viños, ibéricos, queixos e destilados, ademais doutros produtos categoría gourmet. Orientábase principalmente cara a clientes particulares de ámbito nacional. Pronto e coa sombra da crise enriba de todos, este mercado quedou pequeno e optouse pola internacionalización.

Para iso houbo que especializarse máis, prescindir dalgúns produtos e engadir novos. Reorientarse. De momento están a apostar por viños e destilados de gran calidade, e artigos de luxo, como coñacs e whiskies de gama moi alta só para os mercados máis exclusivos.

O proceso de internacionalización tivo as súas dificultades, ademais de darse a coñecer e gañarse a confianza de partners estranxeiros, coa dificultade engadida da burocracia ao exportar produtos suxeitos a impostos especiais onde cada país ten a súa normativa particular.

Actualmente máis do 80% da súa facturación é fóra de España, realizaron envíos a máis de 30 países, principalmente en Europa e Asia, aínda que tamén chegaron ao corno de África e a Australia. Os principais países a onde están a enviar son Austria, Reino Unido, Hong Kong e Suíza.

Internacionalización dende Tecnópole

Dende hai un tempo, xestionan a internacionalización da súa empresa dende as instalacións de Tecnópole no Parque Tecnolóxico de Galicia.

Durante todo este tempo xurdiron unha morea de curiosidades, dende o envío de auga de glaciar noruegués para unha festa rusa nos Alpes franceses, á venda dunha botella de whisky escocés superexclusiva que estivo 65 anos en barrica e cun valor de case 40.000 euros.