Senseitrade actualízase para enviar alertas aos usuarios

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A start-up galega Txstockdata, con sede en Tecnópole, acaba de lanzar unha actualización da súa aplicación móbil Senseitrade, capaz de recomendar os valores nos que convén investir en bolsa utilizando a información que circula en Twitter. A partir de agora, os seus usuarios recibirán alertas cos tuits máis relevantes para a cotización dunha acción, o que lles permitirá tomar decisións no momento para aproveitar cada movemento.

“Ata agora a app analizaba as mensaxes de Twitter sobre diferentes accións para comprobar se eran positivas ou negativas”, explican desde a empresa. “Pero decidimos dar un paso máis cunha actualización pola que os usuarios poderán recibir unha alerta push no seu smartphone cos tuits que o seu algoritmo considera relevantes para a cotización dunha acción”.

Controlar aos ases

En Wall Street, a unha persoa que ten a capacidade de mover a cotización dunha acción chámaselle axe (aplícase a alguén que é un as en algo). O actual presidente dos Estados Unidos é a persoa máis influínte nas redes sociais á hora de mover as cotizacións a través das súas publicacións.

Cos seus millóns de seguidores de Twitter e coas súas mensaxes directas, Trump presenta desafíos e oportunidades que Wall Street nunca vira antes. Os traders xa non só teñen que vixiar cada palabra do presidente, senón que tamén teñen que seguir o seu Twitter. Algúns fondos e investidores profesionais xa están configurando estratexias para operar en base á actividade do seu Twitter, algo xamais pensado antes. Algúns analistas financeiros xa chaman a este fenómeno “o presidential tweet risk”.

Pero Trump non é o único axe. Outros grandes investidores como Warren Buffet ou Carl Icham son capaces de mover o mercado cara arriba ou cara abaixo en cuestión de minutos. Este concepto é o que subxace en Senseitrade.

O impacto dos tuits non se limita a un único valor. Hai un mes, Trump twitteou sobre os custos do avión F35. As accións de Lockheed Martin, o construtor do avión, baixaron sensiblemente en cuestión de minutos. Pero o impacto deste tuit afectou a todo o sector aeroespacial, véndose afectadas outras compañías do sector como Boeing. É por iso que Senseitrade tamén analiza o conxunto de todas as mensaxes referidas a unha acción ou un sector e xera alertas cando o sentimento de mercado pasa a ser moi positivo ou moi negativo.

Ademais, a nova actualización de Senseitrade inclúe cambios na estrutura e visualización do contido co fin de crear unha navegación e experiencia do usuario máis intuitiva gráfica e sinxela, cun maior control da información.