Os proxectos candidatos á preincubadora Tecnópole-Universidade de Vigo teñen de prazo ata o 26 de marzo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Os proxectos gañadores dos premios Incuvi-Avanza recibirán este ano unha axuda económica de ata 3000 euros e o asesoramento dun equipo de profesionais que mentorizarán os proxectos durante o ano que estean na preincubadora de Tecnópole.

Son as principais novidades da terceira convocatoria duns galardóns que ampliaron o prazo de presentación de candidaturas ata o 26 de marzo e que naceron como resposta á necesidade dos participantes de Incuvi-Emprende de contar cun programa propio que ofrecese continuidade aos seus proxectos e que agora se consolida e reforza como apoio para aqueles proxectos empresariais máis viables e con máis potencial.

"Tras un ano de traxectoria na preincubadora traballando sobre a idea, validándoa e deseñando un plan de empresa, moitos destes emprendedores e emprendedoras optan por non acceder a programas de aceleración externos á Universidade, ben porque non lles interesa desligarse, ben por precisar un proceso de maduración máis amplo, ou, simplemente, porque o seu ámbito de coñecemento ou o seu modelo non encaixa en ningún dos múltiples programas verticais de apoio ao emprendemento que se ofrecen actualmente no contorno", explica o director da área de Emprego e Emprendemento da Uvigo, Alejandro Martínez, quen fai fincapé en que a posibilidade de seguir contando con apoio a través de Incuvi é a única vía que asegura a continuidade e o éxito a estes proxectos. "Por outra banda, a súa localización en enclaves empresariais e tecnolóxicos estratéxicos como Parque Tecnolóxico de Galicia supón para eles un fito de cara á entrada efectiva no mundo empresarial", recalca Martínez.

Se nas convocatorias de 2016 e 2017 Incuvi-Avanza se configurou como un premio que ofrecía fundamentalmente un espazo de traballo, nesta ocasión transfórmase nunha convocatoria de axudas que achega un apoio moito máis integral, brindándoos aos beneficiarios e beneficiarias non só a oportunidade de dispoñer dun espazo de traballo, senón tamén de contar cun programa de mentorización personalizado, así como cunha axuda económica de ata 3000 euros que subvencione os custos de xestión e/ou investimentos derivados da súa constitución como empresa.

"Fronte ao carácter esencialmente formativo do programa Emprende, no que se converten as ideas en proxectos, Avanza supón un acompañamento na concreción destes proxectos en empresas, como foi o caso en edicións anteriores dos proxectos Meigalabs e Brigantia", explica o responsable da área de Emprego e Emprendemento.

Solicitudes ata o 26 de marzo

Os premios Incuvi-Avanza están dirixidos exclusivamente a aqueles estudantes ou persoas egresadas da Universidade de Vigo que resultaran gañadores ou obtivesen unha mención honorífica na convocatoria de 2017 de Incuvi-Emprende, sempre que cumprisen durante o período de preincubación cos compromisos asinados na formalización de ocupación dos espazos, elaborasen o correspondente plan de empresa durante o dito período e a súa solicitude teña como finalidade continuar o desenvolvemento do proxecto co que concorreran.

Os proxectos poderán ser presentados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas e o prazo para presentar solicitudes estenderase ata o próximo luns 26 de marzo.

(Fonte: DUVI)