O primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia vaise celebrar este verán, promovido por Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- vai impulsar o primeiro campamento tecnolóxico de verán online de toda a comunidade, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O T2W -Tecnópole Technological Workshops-, que ata o de agora era presencial, cumpre a súa oitava edición. As circunstancias derivadas da actual crise sanitaria levaron a redeseñar o seu desenvolvemento, adaptándoo á nova realidade que estamos a vivir.

Esta iniciativa, que se organizará por grupos de idade, diríxese a un máximo de 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. O campamento comezará o vindeiro 6 de xullo e rematará o 17 de xullo. Celebrarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño ou ata cubrir a totalidade das prazas.

Nas instalacións de Tecnópole habilitarase un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara aos xoves participantes, de xeito moi ameno, práctico e innovador. 

Talleres de programación, robótica, electrónica, mundo maker ou biotecnoloxía 

A través de diferentes talleres, os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker (baseado na reutilización e na reciclaxe, en particular no eido das tecnoloxías), hacking (coñecemento dos mecanismos de seguridade dos sistemas informáticos), biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnolóxico) e retos STEAM (trabállanse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de xeito multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas).

No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os rapaces iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades. 

Os participantes recibirán no seu domicilio un kit de materiais tecnolóxicos e científicos para poder desenvolver as diferentes actividades 

O campamento ten un custo de 50 euros, que é o prezo do kit de materiais tecnolóxicos e científicos que se achegarán ao domicilio particular de cada participante, unha vez formalizada a inscrición, para que poidan desenvolver as diferentes actividades. Este kit inclúe, entre outros materiais, micropipetas, fío condutivo, tubos de ensaio, un microscopio e un espectroscopio caseiros… “Para poder formar parte desta experiencia só é preciso dispor dun ordenador con cámara, sentir curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía, ter ganas de aprender e, sobre todo, de gozar moito” -sinalan desde Tecnópole-. 

Promover as vocacións científicas entre os máis novos 

Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia salientan que “a través do campamento T2W búscase favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude, potenciar o intercambio de experiencias creativas e innovadoras entre os mozos e mozas, e incrementar a interacción entre os rapaces e o mundo científico”.

“O que se pretende con este campamento tecnolóxico online é adaptarse á nova realidade e cambiar a forma de comunicarse, mantendo o espírito de convivencia do campamento, posto que todas as actividades se desenvolven en equipo (aínda que de maneira virtual), mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade” -explican os impulsores da iniciativa-.

De xeito particular, perséguese o desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora, a dinamización da axilidade mental e da creatividade de cada un dos participantes. Ademais de procurar que o alumnado adquira novos coñecementos científicos e tecnolóxicos, búscase potenciar actitudes como a curiosidade e o espírito emprendedor, entre outras.

Este campamento tecnolóxico forma parte da aposta do Parque Tecnolóxico de Galicia pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Así, o Parque promove ademais outras actividades nesta liña como as Aulas Tecnópole (formación en ciencia e tecnoloxía para nenos de 12 a 18 anos), STEAM Kids Tecnópole (para nenos de 8 a 11 anos) e Galiciencia, a maior feira científica que se celebra cada ano en Galicia, na que os protagonistas son estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.