A Preincubadora Tecnópole-Uvigo amosa as ventás de oportunidade que abre a alumnado e egresados

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Ata o día 31 de xaneiro está aberto o prazo de presentación da sétima edición dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo, dos que sairán os ocupantes da Preincubadora de proxectos empresariais que impulsan Tecnópole e a Universidade de Vigo. Estes galardóns están destinados a fomentar o espírito emprendedor entre alumnado e persoas egresadas. Para dar a coñecer as características desta iniciativa, que beneficiará a catro proxectos do campus de Ourense, celebrouse unha sesión informativa no edificio Politécnico.

Sobre esta iniciativa Ricardo Capilla, director do Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnopole, entidade na que se instalan durante un ano os proxectos gañadores dos Incuvi-Emprende de Ourense, salientou que se trata “dunha oportunidade única e moi interesante”. Alén do feito de contar cun espazo físico de traballo de balde, Capilla destacou como os premios ofrecen aos emprendendores e emprendedoras “a posibilidade de pórse en contacto con empresarios” do ámbito estatal e internacional e “desenvolverse nunha contorna empresarial”. Lois Babarro, presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense, puxo tamén o aceno nesta oportunidade de relacionarse co sector, apuntando como a súa asociación ofrece aos beneficiarios dos Incuvi-Emprende “nutrirse da enerxía dun colectivo formado por máis de 100 empresarios”. Pola súa banda Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Ourense, destacou a importancia de que os futuros emprendedores e emprendedoras desenvolvan os seus proxectos con paciencia e dedicación, que investiguen o mercado ao que se queren dirixir, que acepten comentarios de terceiras persoas e que coñezan os recursos financeiros que teñen á súa disposición. Completan o panel de entidades colaboradoras no campus de Ourense a Cámara de Comercio e Expourense.

Por parte da UVigo, José María Faílde, director da Área de Descentralización do campus de Ourense, destacou que os premios ofrecen “un programa de preincubación dun ano de duración” no que as persoas beneficiarias “contan co apoio das institucións para transformar as súas ideas en proxectos emprendedores”. Alejandro Martínez, director da Área Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, foi o encargado de explicar os asistentes as características da convocatoria, á que se pode presentar tanto alumnado da Universidade de Vigo de grao, mestrado e doutoramento como persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores.

Os premios ofrecen aos proxectos gañadores actividades formativas e de asesoramento e titorización, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía nun espazo de traballo na Preincubadora. As propostas poden ser elaboradas de xeito individual ou en grupos formados por un máximo de catro persoas e a súa temática deberá encadrarse nalgunha das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura. Entre as novidades desta edición, Alejandro Martínez destacou a incorporación da Xunta de Galicia ao panel das entidades colaboradoras e cambios no proceso de selección, que nesta edición contará con tres fases: unha primeira de entrevista persoal ante un panel de persoas expertas en emprendemento, unha segunda consistente nun obradoiro de ideas para as iniciativas preseleccionadas e unha terceira de presentación ante a comisión de selección.

O caso de Ouvir

Estefanía Estévez, beneficiaria da anterior edición dos Premios Incuvi-Emprende en Ourense, foi a encargada de falar da súa experiencia. “Non me arrepinto para nada de terme presentado. Se te presentas vas para adiante co proxecto”, salientou a educadora social. No seu proxecto, Ouvir, Estévez ofrece servizos socioeducativos a persoas con diversidade funcional e de formación para profesionais que traballan con este colectivo. “No meu caso máis que o espazo o que me resultou moi útil foi a titorización continua que tiven e a formación. Para min foron claves. O equipo traballa contigo cóbado con cóbado en todas as túas necesidades, desde o plan financeiro ata os recursos humanos. E adáptanse aos teus tempos”, afirmou. A responsable de Ouvir quixo ademais agradecer ás entidades implicadas o feito de que no seu caso “apostaron por un proxecto de emprendemento só social” e animou aos estudantes e egresados a sacar adiante as súas ideas porque “se non o facemos agora, cando o vamos a facer?”.