A preincubadora de Tecnópole e Universidade de Vigo busca novos proxectos ata o 19 de xaneiro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A preincubadora de proxectos empresariais que Tecnópole promove en colaboración coa Universidade de Vigo busca novos inquilinos por sétimo ano consecutivo. Os gañadores dos premios Incuvi-Emprende do Campus de Ourense, que teñen o prazo de presentación aberto ata o 19 de xaneiro, instalaranse no Centro de Empresas e Innovación (CEI) do Parque Tecnolóxico de Galicia para desenvolver a súa idea de negocio.

Un proceso de selección en tres fases, que inclúe unha entrevista persoal, un taller de ideas e unha presentación ante unha comisión, é a principal novidade desta convocatoria dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo, cos que a institución académica persegue o fomento de espírito emprendedor entre os seus estudantes e egresados.

Ata o 19 de xaneiro de 2018, tanto os alumnos que estean a cursar algún grao, máster ou doutorado, como as persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores, poderán presentar propostas para participar no concurso de ideas, que lles proporcionará, en caso de gañar algún dos premios, un programa de preincubación dun ano de duración para converter os seus proxectos en empresas.

As propostas que se presenten ao concurso poderán ser elaboradas de maneira individual ou en grupos formados por un máximo de catro persoas e a súa temática deberá encadrarse nalgunha das ramas de coñecemento consideradas nos plans de estudo da Universidade de Vigo: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñería e arquitectura.

Tres fases

Os gañadores instalaranse nas preincubadoras de cada un dos tres campus da Universidade: seis en Cidade Universitaria no campus de Vigo; catro en Tecnópole en Ourense e dous na Asociación de Jóvenes Empresarios en Pontevedra. Ademais, incorporaranse a un programa dun ano de duración, no que se desenvolverán actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estancia nos espazos de traballo de cada campus.

Por primeira vez, o proceso de selección dos proxectos gañadores desenvolverase en tres fases, que comezarán cunha entrevista persoal dos candidatos ante un panel de persoas expertas en emprendemento, coa finalidade de determinar o grao de implicación, a viabilidade da idea, así como a adecuación do proxecto á finalidade do programa.

O panel de expertos emitirá un informe individualizado de cada unha das entrevistas, que, tras ser valorado por unha comisión, acordará unha proposta de proxectos que superan esta primeira fase. As iniciativas preseleccionadas terán acceso a un taller presencial teórico práctico de catro horas orientado a desenvolver o modelo de negocio das súas ideas, así como á preparación dunha presentación dos proxectos ante a comisión de selección. Na terceira fase do proceso, cada proxecto disporá de tres minutos para presentar ante a comisión de selección as liñas básicas dos proxectos empresariais, así como o resultado do traballo presentado para superar a segunda fase. Finalizadas as presentacións, a comisión reunirase para determinar os proxectos gañadores.

Criterios de valoración

O carácter innovador do proxecto, así como o seu nivel de desenvolvemento e viabilidade; o nivel de implicación real das persoas emprendedoras e a configuración do equipo; a empregabilidade orientada á xestión da diversidade e a potencial creación de emprego e calidade, son algúns dos criterios que a comisión valorará para determinar os proxectos gañadores, que tamén deberán acreditar o seu potencial internacional, o aproveitamento dos recursos dispoñibles, a sustentabilidade, a responsabilidade social e a incorporación da dimensión de xénero.

Ademais de elixir os proxectos gañadores, a comisión de selección poderá conceder mencións honoríficas a outras iniciativas que consideren de elevada calidade, que de ser o caso, a Vicerreitoría de Estudantes podería determinar que utilicen os espazos de coworking existentes nalgúns dos tres campus, e/ou a súa incorporación ao programa de formación e mentorización.

A 7ª edición dos Premios Incuvi-Emprende conta coa colaboración, por primeira vez, da Xunta de Galicia, que se suma á Zona Franca de Vigo, Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, Tecnópole e Cidade Universitaria.

Máis información aquí.