A Plataforma Tecnolóxica de Materiais presenta as súas primeiras accións na Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

A Plataforma Tecnolóxica de Materiais e Procesos de Fabricación (MPF 2020) presentoulles o pasado xoves a empresarios, investigadores e tecnólogos as súas primeiras accións nun acto celebrado na Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.

O seu obxectivo é potenciar a I+D no ámbito dos materiais cunha perspectiva horizontal da que se beneficiarán varios sectores, algúns deles con especial presenza na provincia de Ourense: o aeronáutico, o metal-mecánico, o químico, o téxtil, o da automoción, os da construción naval e civil, o da fabricación de bens de equipo e o da fotónica.

Na actualidade, o consorcio estratéxico conta xa con 28 entidades adheridas, das que 18 son empresas, 5 grupos de investigación das tres Universidades galegas e 5 centros e institutos tecnolóxicos, coa posibilidade sempre aberta de que se sumen novos socios.

O delegado do centro tecnolóxico AIMEN –entidade líder da Plataforma- en Ourense, Alberto Martínez, foi o responsable de abrir a presentación explicándolles aos asistentes que se agarda con interese a participación de novas empresas, centros públicos e privados de investigación, centros tecnolóxicos, grupos de inversores, entidades da Administración pública e de todos aqueles axentes do sistema Ciencia-Tecnoloxía-Industria involucrados directa ou indirectamente no ámbito da enxeñería avanzada dos materiais, e comprometidos coa innovación e o desenvolvemento tecnolóxico neste campo.


Interese estratéxico

A industria relacionada co sector dos materiais conta con 44.825 empresas en Galicia, o 22,05% do total segundo os datos do Instituto Galego de Estatística correspondentes a 2006. O 99% destas empresas son Pemes que xeran cerca da terceira parte do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade e empregaron ao 29,75% da poboación activa.

Estas cifras son a principal xustificación do interese da Consellería de Innovación e Industria por que os materiais fosen o obxecto dunha das primeiras plataformas tecnolóxicas potenciadas polo departamento de Fernando Blanco.

Accións e prioridades

A secretaria técnica da MPF 2020, Patricia Blanco, expuxo na Tecnópole as primeiras accións do consorcio, entre as que destaca a definición da Axenda Estratéxica de Investigación do sector. O documento constitúe unha folla de ruta que define o marco no que deben artellarse as liñas de investigación sobre enxeñería avanzada de materiais en Galiza no horizonte dos próximos 15-20 anos.

Polo que respecta á I+D sobre os tipos de materiais, as necesidades detectadas apuntan aos cerámicos, metálicos, polímeros, téxtiles, da construción, vidros e composites, co obxectivo de mellorar a súas propiedades e prestacións. Ao mesmo tempo, trabállase xa no desenvolvemento de novos materiais e novas ferramentas avanzadas de deseño, cálculo, modelado e simulación de materiais.

Por outra parte, a Axenda establece como liñas estratéxicas o estudo da degradación, envellecemento, desgaste e corrosión de materiais e a análise do seu ciclo de vida. Pechan a lista de prioridades, no mesmo nivel de importancia ca os anteriores, a investigación sobre a reciclaxe e a reutilización e o desenvolvemento e implantación de novos ensaios de caracterización.

O papel da Plataforma como instrumento para potenciar a I+D+i no ámbito da enxeñería avanzada dos materiais en Galicia foi explicado polo director tecnolóxico de AIMEN, Fernando Sánchez. Neste sentido, enumerou como prioridades a resposta á demanda da industria de materiais de máximo rendemento, máis lixeiros, resistentes á corrosión e ás altas temperaturas, así como materiais de alto valor engadido e gran contido en coñecemento, con mellores prestacións e novas funcionalidades. Ademais, engadiu que se tratará de desenvolver novos produtos e procesos cun amplo rango de aplicacións, desenvolvemento de superficies e materiais multifuncionais con propiedades e prestacións predecibles.