A piscina da Tecnópole reabre con dous días de acceso gratuíto e novidades tecnolóxicas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole reabre a piscina situada nas súas instalacións a partir de mañá, en horario ininterrompido de 12 a 21 horas todos os días da semana. Mañá sábado e o domingo o acceso será gratuíto, para darlles a benvida de novo a todos os usuarios e usuarias que demandaban a reapertura da piscina.

As instalacións foron totalmente remodeladas e actualizadas grazas a un investimento de máis de 300.000 euros por parte da Xunta de Galicia. O sistema de depuración, os vestiarios e o propio vaso foron optimizados de xeito integral. Ademais, melloráronse as condicións para as persoas con mobilidade reducida, tanto na accesibilidade ao recinto como á zona de baño. As instalacións deportivas anexas tamén foron remodeladas, coa instalación de novas porterías, canastras, etc.

Tecnópole faise cargo da xestión da instalación, que volve entrar en servizo con dúas novidades tecnolóxicas: acceso gratuíto a conexión wifi para todos os bañistas e unha aplicación móbil, tamén de descarga gratuíta, que permitirá aboar a entrada á piscina e tamén os servizos asociados a ela, como o aluguer de hamacas e parasoles. Tanto esta aplicación como a automatización do control de accesos e do sistema de rega foron desenvolvidos pola empresa de Tecnópole Conexiona Telecom. Ademais, a piscina contará con servizo de bar a través dunha gastroneta con terraza.

Todos estes servizos estarán a disposición de calquera persoa, familia ou grupo. O custo da entrada será de dous euros, coa aplicación de bonificacións en caso de comprar un bono. O aforo máximo é de 500 persoas, das que ata 150 poderán estar no vaso ao mesmo tempo.

Links de descarga da app:

Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.rntecnopoleapp&pcampaignid=MKT-Other-global-all-con el-prtnr-py-PartBadge-Mar2515-1

iOS: https://itunes.apple.com/es/app/tecnopole/id1459531866?mt=8