Infinitus Rent consegue a primeira parcela da ampliación de Tecnópole para construír unha nave propia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A empresa Infinitus Rent, socia de Conexiona, fíxose coa primeira parcela da ampliación de Tecnópole coa intención de construír unha nave propia.

É de sobra coñecido que na provincia de Ourense hai máis solo empresarial que demanda por parte das empresas e, de feito, calcúlase que en todo o territorio existen máis de 270.000 metros cadrados de solo libre. O caso máis rechamante é o da Cidade do Transporte. O terreo, situado xunto ao polígono de San Cibrao das Viñas, ten aínda por vender máis de sesenta parcelas que ocupan unha superficie de máis de cen mil metros cadrados.

O resto de solo repártese por toda a provincia, incluída a Tecnópole, onde hai xa máis dun ano -e nun intento de equiparar o prezo do terreo co das zonas industriais lindantes- rebaixouse ao 50% o custo dos 37.000 metros cadrados que estaban pendentes de ocupación nun recinto que conta con máis de 200.000 de superficie total.

Eran, en total, cinco parcelas pendentes de ocupación das que, hai uns meses, se vendeu unha, o que supón sen dúbida un punto de inflexión nun recinto que leva anos sen novas edificacións. A compradora foi Infinitus Rent, socia de Conexiona, empresa que naceu no mesmo parque tecnolóxico hai algo máis de dez anos e que ocupa agora mesmo unha das oficinas do edificio Tecnópole I.

O incremento de actividade nos últimos meses, e as vantaxosas condicións que existen nestes momentos para acceder ao solo, provocaron que a firma decidira dar un salto cuantitativo e comprar terreo para edificar o seu propio edificio. "O que pretendemos é contar con instalacións propias, e para iso adquirimos unha parcela de dous mil metros cadrados", asegura José Antonio Losas, director da firma tecnolóxica, que se especializou en domótica.

O terreo co que se fixo esta compañía pertence á última ampliación do recinto. "Somos a primeira empresa que se vai instalar nesa zona", advirte Lousas, que recoñece que o prezo do terreo foi un factor moi favorable para decidirse a afrontar o paso. Nestes momentos o custo atópase en 35 euros por metro cadrado e existen ademais condicións especiais para realizar os pagamentos, o que minora o fortísimo custo que adoita ter para un negocio montar as súas propias instalacións.

E aínda que por agora a empresa ourensá non ten data para comezar as obras da súa futura sede, teñen claro que queren apostar pola súa propia sede, nun momento no que están abarcando moitos proxectos en distintos sectores, incluído o da medicina.

Novas empresas

O feito de que esta sexa a primeira construción dunha nave en parcela dende hai anos non supón que non se incorporaran novas empresas a Tecnópole.

O parque, que no ano que acaba de finalizar cumpriu 25 anos de vida, superou en 2017 a barreira do centenar de negocios que teñen alí a súa sede. As últimas incorporacións foron en niños para emprendedores, oficinas de aluguer e baixo a modalidade de domiciliación virtual, unha fórmula que non implica a necesidade de ocupar metros cadrados para as empresas, que non obstante si teñen acceso aos servizos que oferta o parque. Esta fórmula, que se puxo en marcha para atender as novas demandas do tecido empresarial, ampara a 28 iniciativas de negocio e eleva o número total de sociedades radicadas na Tecnópole a 115.

A domiciliación virtual activouse para dar acollida a proxectos de nova creación que preparan a súa instalación no parque empresarial ou aquelas que non precisan un espazo estable pero queren estar vinculadas á Tecnópole. O custo de 95 euros ao mes inclúe o uso das salas de reunións e o acceso a servizos de soporte empresarial.

(Fonte: La Voz de Galicia e Tecnópole)