Galiciencia exhibe 79 proxectos de 40 centros escolares de Galicia, Asturias, Cataluña, Euskadi e Andalucía

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Lentes para cegos impresas en 3 D, un dispositivo tecnolóxico para escorrentar ao xabaril das colleitas, un mecanismo para abrir as portas dos baños públicos sen usar as mans e outro para que as ventás de tellado se pechen soas se chove, un sistema de esterilización de auga low-cost e varias iniciativas de ciencia cidadá son só algúns dos fascinantes proxectos cos que a Galiciencia celebra este ano a súa duodécima edición.
 
Cunha afluencia cada ano maior de equipos candidatos a contar cun stand na feira, foron seleccionados os 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato e os 29 de Primaria que finalmente serán expostos entre o mércores 22 e o venres 24 de novembro no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense).
 
Mentres que os de Primaria se exhiben fóra de competición, os premios aos mellores proxectos de Secundaria e Bacharelato serán disputados por equipos procedentes de toda Galicia, Cataluña, Euskadi, Asturias e Andalucía. Nesta edición bátese de novo a récord de diversidade de centros participantes da historia do certame, con equipos procedentes de 40 colexios e institutos diferentes, cinco máis que o ano anterior.
 
A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas e de 15 a 18 horas tanto o mércores como o xoves, mentres que o venres só estará aberta pola mañá ata a entrega de premios.
 
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. Entre estes, o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018.
 
O clasificado en segundo posto terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano en primavera en Bilbao. O proxecto que quede en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
 
A astronomía, no centro do evento
 
As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. De feito, a celebración da Galiciencia comezou xa en primavera co lanzamento dun desafío astronómico que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final no mes de novembro. En "Atrévete coa astronomía! " participaron escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia que ata agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a vitoria presencialmente durante a Galiciencia.
 
Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que os máis pequenos se poderán iniciar na astronomía e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática. As galaxias, os planetas e as estrelas serán tamén os protagonistas do espectáculo científico que poderá seguirse en streaming (retransmisión en directo por internet) dende calquera centro escolar ou dende casa.