A Galiciencia exhibe 75 proxectos centrados na actualidade de 35 centros de Galicia, Asturias, Cataluña e Euskadi

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Un pastilleiro intelixente para pacientes crónicos, unha aplicación móbil de alerta de avespa asiática, un espantallo 2.0 ou a reutilización de toalliñas húmidas como material de recheo en edredóns e chaquetas son só algúns dos sorprendentes proxectos, moi centrados en resolver problemas reais, cos que a Galiciencia celebra este ano a súa undécima edición.

Logo de recibir unha cifra récord de máis de cen proxectos candidatos a contar cun stand na feira, foron seleccionados os 50 proxectos de Secundaria e os 25 de Primaria que finalmente serán expostos entre o mércores 16 e o venres 18 de novembro no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Mentres que os de Primaria se exhiben fóra de competición, os premios aos mellores proxectos de Secundaria serán disputados por equipos procedentes de toda Galicia, Cataluña, Euskadi e, por primeira vez, Asturias. Nesta edición rexístrase a maior diversidade de centros participantes da historia do certame, con equipos procedentes de 35 colexios e institutos diferentes.

A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas e de 15 a 18 horas.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2017.
A proba máis significativa de que ano a ano os participantes buscan a maneira de aumentar o nivel científico dos seus proxectos é que nesta edición abundan as colaboracións de expertos de universidades e centros de investigación. Entre eles atópanse investigadores das Universidades de Vigo e A Coruña, do Centro de Experimentación e Formación Agroforestal de Lourizán, da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.

As matemáticas, protagonistas

As actividades paralelas deste ano terán as matemáticas como protagonistas. De feito, a celebración da Galiciencia comezou xa no mes de abril co lanzamento dun desafío matemático que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final no mes de novembro. En “Atrévete coas matemáticas!” participaron escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a victoria presencialmente durante a Galiciencia.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que se explorará a relación das matemáticas coa enxeñería e coa natureza, co obxectivo de demostrar ata qué punto os números están presentes na nosa vida cotiá. Esta será tamén a idea principal do espectáculo científico e dos talleres para os máis pequenos, que descubrirán as matemáticas xogando e experimentando con pezas de Lego.

O certame volverá montar a súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.

Depresión infantil e xuvenil

Ademais, o público da Galiciencia terá ocasión de visitar unha exposición promovida polo Sergas sobre depresión infantil e xuvenil, na que, ademais de información útil para identificar este trastorno nas idades temperás e para concienciar á sociedade, se mostran fotografías realizadas por adolescentes que sofren esta doenza.

Tamén está prevista unha actividade grupal, con docentes do ensino medio, na que se pretende informalos sobre as dificultades da detección desta doenza neste grupo de idade e as repercusións que pode ter a curto, medio e longo prazo. Así mesmo, explicaranse claves que poden inducir a sospeita.