A Galiciencia celebra a súa derradeira edición de outono a partir de mañá

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A Galiciencia múdase á primavera. Logo de doce anos tendo lugar no outono, a maior feira científica de Galicia celebrará a súa edición 2018 no mes de maio. Este cambio busca unha mellor adecuación ao calendario escolar, con máis tempo para que os estudantes desenvolvan os seus proxectos.

A edición 2017 dará comezo mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) coa previsión de recibir máis de 2.000 visitas ata o vindeiro venres. Este ano, o evento concentrará a maior representación de centros escolares ata o de agora, coa participación de investigadores noveis procedentes de 40 colexios e institutos distintos.

A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 34 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 20 da Coruña, 11 de Ourense, 8 de Lugo, 3 de Biscaia, un de Barcelona, un de Asturias e un de Cádiz, esta última con representación na Galiciencia por primeira vez.

Durante os días 21, 22 e 23 de novembro a entidade organizadora, Tecnópole, acollerá no seu recinto a carpa na que os 50 equipos de Secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en stands individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 29 traballos de Primaria.

Todos eles recibirán a visita de grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O segundo e o terceiro clasificado recibirán apoio económico para participar na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao, e no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia, respectivamente.

Estrelas, planetas e satélites

As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. De feito, a celebración da Galiciencia comezou xa na primavera co lanzamento dun desafío astronómico que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final no mes de novembro. En “Atrévete coa astronomía!” participaron escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a victoria presencialmente durante a Galiciencia.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que os máis pequenos se poderán iniciar na astronomía e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática. As galaxias, os planetas e as estrelas serán tamén os protagonistas do espectáculo científico que poderá seguirse en streaming (retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa.