A Galiciencia busca os 80 proxectos cos que celebrará o seu décimo aniversario

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Tecnópole abre o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2015 ata o próximo 25 de outubro. A maior feira científica de Galicia inicia así o proceso de selección dos 80 proxectos cos que celebrará o seu décimo aniversario. Aos habituais 50 traballos presentados por equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP que competirán polo primeiro premio do certame, súmanse fóra de concurso 30 proxectos máis de alumnos de Primaria e Educación Especial, consolidando así a exitosa experiencia piloto da anterior edición.
 
O evento terá lugar entre o 18 e o 20 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A súa celebración é posible un ano máis grazas ao apoio da Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación.
 
As bases están xa dispoñibles en www.galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día.
 
A celebración do décimo aniversario da Galiciencia comezou xa no mes de marzo cunha xira de espectáculos científicos por toda Galicia, cun ciclo de cursos para que os docentes poidan axudar mellor aos seus alumnos a preparar proxectos e co concurso para o deseño da mascota oficial do evento. O elixido foi Micro, creado por Sira Ricoy, alumna de 1º da ESO do IES Carlos Casares de Vigo.
 
Novas categorías para os premios
 
Como novidade, este ano os premios serán entregados por categorías temáticas en lugar de por ciclos educativos, como viña sendo habitual. Así, serán seleccionados polo xurado o proxecto coa mellor presentación oral, o máis innovador, o que acredite o método e proceso de investigación máis definido e o mellor do eido das humanidades. De entre todos estes, o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2016.
 
Para participar, o requisito fundamental é formar un equipo de dous alumnos e un profesor e contar a idea en tres folios, xa sexan proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais. Como é habitual, o comezo do curso escolar suporá o inicio da preparación dos proxectos para os equipos.
 
Á parte de facilitar o desprazamento mediante autobuses procedentes de toda Galicia e a estancia dos estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP en Ourense e ademais de montar a infraestrutura da feira, Tecnópole organiza actividades paralelas para o público e para os propios participantes. Este ano haberá, entre outros, varios talleres relacionados coa celebración do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz.