Feijóo destaca a Tecnópole como exemplo dos obxectivos da nova Lei de implantación empresarial, con vantaxes de acceso ao solo industrial e coa innovación para atraer investimentos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole proxecta os obxectivos da nova Lei de implantación empresarial polas vantaxes de acceso ao solo industrial e por facer da innovación un foco para atraer investimentos.

De tal xeito, o solo empresarial dispoñible en venda rolda os 35 euros metro cadrado, pero tamén é posible adquirilo a través da cesión en dereito de superficie, que permite ás empresas instalarse nel durante 30 anos prorrogables cun custo anual de carácter simbólico ou mediante o alugamento con dereito a compra.

Así mesmo, incidiu en que este espazo tecnolóxico, tamén, está en condicións de atraer capital e novos proxectos empresariais por ser un polo de innovación en Galicia.

Sobre este punto, reiterou o compromiso do Goberno galego de facer da innovación a ferramenta para consolidar o crecemento económico e para diferenciar o traballo dos sectores estratéxicos da Comunidade. “Porque a innovación implica emprego cualificado, e implica, tamén, máis competitividade a nivel internacional”, dixo.

Feijóo aseverou que a Xunta seguirá apoiando as empresas para que integren a innovación e a tecnoloxía ao seu día a día, a través de iniciativas como as 24 Unidades Mixtas de Investigación e a Rede de Aceleradoras, que está a contribuír a desenvolver ao redor de 500 proxectos innovadores en sectores estratéxicos galegos.

En relación a este último aspecto, referiuse á colaboración entre Tecnópole e a Axencia Galega de Innovación no programa Agrobiotech, co obxectivo de fornecer proxectos de empresa relacionados co eido da biotecnoloxía, a agroalimentación ou a biomasa. “Dez proxectos desenvólvense xa na súa segunda edición e, a vindeira semana, este parque empresarial será a sede do II Encontro multisectorial Agrobiotech de innovación”, avanzou.

O responsable do Executivo autonómico subliñou que o Parque Tecnolóxico de Galicia ten, tamén, un claro compromiso coa divulgación científico-tecnolóxica, especialmente, entre os máis novos. De feito, máis de 20.000 visitantes participaron nas 11 convocatorias do certame Galiciencia ou nos sete cursos das Aulas Tecnópole dirixidos a escolares galegos.

Por outra banda, salientou que converter San Cibrao das Viñas no emprazamento da súa sede proba que o rural pode albergar industria, emprendemento, emprego e innovación. Non en van, pasados estes 25 anos, as case cen hectáreas de solo industrial que abrangue dan cabida actualmente a máis dun centenar de empresas, a cinco centros tecnolóxicos, e a máis de 1.200 traballadores.

Este parque conta, ademais, cun Centro de empresas e innovación que funciona como incubadora de novos proxectos, dispón dun Laboratorio de biotecnoloxía, dun Centro de tecnoloxías médicas avanzadas e dun Centro experimental de enerxías renovables. “En definitiva, estamos a falar dun espazo de referencia en Galicia dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas de marcado carácter innovador que apostan pola tecnoloxía e a investigación como unha forma de xerar valor e actividade económica”, resumiu.

Durante o aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia, Feijóo valorou tamén os últimos datos de exportacións que confirman a senda ascendente iniciada hai catro anos, cunhas exportacións galegas que creceron no que vai de ano un 8,4% con respecto ao 2016. “E proban que Galicia conta cunha industria competitiva”.

O presidente da Xunta concluíu anunciando que no próximo mes de novembro se licitará a estrada que conectará o polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52, cun investimento inicial de máis de 24 millóns de euros, e co obxectivo, dixo, de seguir traballando por un polígono e un Ourense máis competitivos.

Durante a benvida ao acto, a directora de Finanzas de Tecnópole, Luisa Pena, destacou que no Parque Tecnolóxico de Galicia se fornecen moitas das iniciativas empresariais que hoxe soan en toda a Comunidade como referentes dos seus sectores. “Tecnópole converteuse nun dos polos de innovación de referencia en Galicia, cumprindo o seu obxectivo de potenciar o coñecemento no tecido empresarial”.

Pola súa banda, a directora de Gain e conselleira delegada da Tecnópole, Patricia Argerey, destacou o valor da cooperación para chegar cada día máis lonxe e para resolver os retos que se lle presentan á empresa.

Os retos de futuro da empresa

O evento de 25 aniversario contou cunha interesante mesa redonda na que varios representantes de empresas da Tecnópole reflexionaron sobre os principais retos de futuro aos que se enfrentan de cara ao futuro.
 
Javier Taibo, de Egatel, destacou que a revolución tecnolóxica obriga as empresas a investir en innovación e a recuperar ese investimento en moi pouco tempo “porque os ciclos da tecnoloxías son cada vez máis curtos”. Desde a súa experiencia no sector da aeronáutica, Iago Fontán, de Coasa, destacou en que, ademais de espírito emprendedor, “que en Galicia está claro que existe”, é necesario que haxa unha estratexia institucional de apoio para dar o empurrón inicial ás novas actividades económicas.

Lucía Novelle, de Ingeo, destacou que  o futuro pasa pola especialización e pola colaboración. Segúndo abundou, “un non pode ser bo en todo, ten que focalizarse moito e despois buscar as alianzas que lle permiten crecer”. Pola súa banda, David Robledo, de Coren, subliñou a necesidade de apostar pola sostenibilidade e polo talento na actividade industrial.

Coa perspectiva que lle dá a súa traxectoria no sector TIC, José Antonio Losas, de Conexiona, subliñou que, no marco da industria 4.0, un pequeno empresario pode chegar ao mercado global a un prezo competitivo grazas a unha rede de interacción con outras empresas “que lle permite enfocarse ao cliente con produtos persoalizados”.

Neurociencia e empoderamento

O mago e experto en neuromarketing Kiko Pastur explicou varios trucos para atraer e reter a atención ou para identificar o engano, á vez que incidiu en que, para vender unha idea ou un produto, primeiro hai que vender ao que o vende. “A maxia está en vós”, asegurou.

Pola súa banda, o experto en coaching Daniel Álvarez Lamas explicou que as persoas non achegan valor á empresa se se limitan a seguir instruccións, polo que a empresa debe incentivalas para que se desenvolva todo o seu talento tanto a nivel individual como colectivo. “Esta responsabilidade é dos líderes, dos directivos”, expuxo.