Estudantes de toda España xa poden inscribirse nos talleres de Galiciencia online 2021

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde 2006. A súa finalidade é achegar a ciencia á sociedade, en especial aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación. 

Esta 16ª edición celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática “A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento”. Por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria. Esta circunstancia permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía. 

Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia. Esta mañá abríase o prazo para que @s rapaces se inscriban nos talleres que se van desenvolver nesta edición; poderán facelo ata o vindeiro 30 de abril a través de www.galiciencia.online. 

Galiciencia online 2021 abrirase o 26 de maio cun espectáculo científico dinámico e interactivo que versará sobre “O mundo e as pandemias”. Será unha aproximación á historia das grandes pandemias e á importancia da ciencia e a tecnoloxía para a súa solución. Durante o espectáculo levaranse a cabo diferentes experiencias prácticas como a visualización das principais vías de contaxio empregando luz ultravioleta, ou a comprobación experimental da eficiencia das máscaras.

Os centros educativos recibirán un kit con materiais para que o alumnado poida desenvolver cada actividade

Os estudantes de Primaria poderán participar en dous talleres diferentes. Por un lado, “Como pode voar un helicóptero en Marte?” inspírase na misión Mars2020 da NASA, sobre a que hai postas as esperanzas de lograr o primeiro voo con motor noutro planeta. Ademais, o taller “CSI” achegarase á relación entre ciencia e tecnoloxía e a investigación policial, mediante a resolución dunha misteriosa desaparición.

Pola súa parte, o alumnado de Secundaria poderá participar no taller “Espiando a coroa”, centrado en calcular a dimensión dun cabelo a través de luz láser. En “Microbioloxía para entender o mundo”, os rapaces terán a oportunidade de descubrir, mediante exemplos cotiáns, como a microbioloxía xoga un papel fundamental tanto na nosa saúde como no noso día a día.

Como cada ano, estes talleres serán impartidos por recoñecidos divulgadores científicos. Os centros educativos participantes recibirán un kit con materiais para que o alumnado poida desenvolver cada actividade.

Máis información: www.galiciencia.com / www.galiciencia.online.