A estratexia dixital debe estenderse ás pemes para aumentar vendas e fidelizar clientes

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A estratexia dixital é unha ferramenta moi estendida entre as grandes empresas, pero é importante que as pemes a adopten tamén para non perder competitividade. Esta foi a principal mensaxe trasladada por César González aos asistentes ao almorzo tecnolóxico celebrado esta mañá en Tecnópole, no que se insistiu na necesidade de implantar a dixitalización para aumentar as vendas e fidelizar clientes.
 
O CEO de Contact Comunicación expuxo os aspectos que se deben abordar para que o proceso sexa efectivo, o que inclúe un enfoque transversal que ha de implicar a todos os departamentos da empresa. O máis importante é a páxina web corporativa, o referente principal a nivel de imaxe de calquera empresa na actualidade, polo que, segundo González, é esencial que se contemple como "o epicentro de calquera estratexia comercial" e, en consecuencia, se coide con esmero.
 
Sobre os blogues, o experto subliñou que deben utilizarse para compartir coñecemento tendo en conta o perfil do noso lector e respectando un ritmo de actualización coherente cos nosos obxectivos. "Un blogue que non se actualiza desde hai ano e medio significa que a empresa está morta", afirmou.
 
Polo que se refire a as redes sociais, recomendou non só publicar, senón interactuar para formar parte do ecosistema, e utilizar imaxes, ou mesmo mellor vídeos, sempre que sexa posible.
 
González insistiu na importancia de segmentar adecuadamente tanto no que se refire ás bases de datos como ao e-mail marketing. Ademais, incluíu o posicionamento (SEO) e a mercadotecnia (SEM) en buscadores como un reforzo xa case indispensable da estratexia dixital aínda nas empresas máis pequenas.
 
Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a promover activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Este formato, de participación reducida, non só persegue a actualización de coñecementos sobre temas legais, administrativos, comerciais ou relativos a tendencias do mercado, senón que se concibe como un espazo de relación entre as empresas do Parque entre elas e con outras, xa sexa en termos de contactos comerciais ou para o inicio de proxectos de innovación conxuntos.