As empresas localizadas na Tecnópole incrementáronse nun 84% dende 2005 e o número de traballadores nun 69%

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, presentou esta mañá o balance da Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) de 2007, destacando o aumento tanto do número de empresas instaladas nos seus terreos, que agora suman 81 entre parcelas e niños, coma da autonomía financeira do Parque.

O conselleiro referiuse tamén aos proxectos para este ano 2008: a Tecnópole afrontará unha ampliación que practicamente lle permitirá duplicar a súa extensión, ata achegarse ao millón de metros cadrados de superficie total, e abordará proxectos como liderar a Rede Galega de Parques Científico-Tecnolóxicos, a posta en funcionamento do viveiro de empresas biotecnolóxicas ou o Centro de Experimentación en Enerxías Renovables.

Na presentación deste balance, que tivo lugar nas dependencias do Parque Tecnolóxico de Galicia, Fernando Blanco estivo acompañado por Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de I+D+i e vicepresidente-conselleiro delegado da Tecnópole; por Ricardo Capilla Pueyo, director-xerente da mesma; e por Xosé Antón Jardón Dacal, delegado na provincia de Ourense da Consellaría de Innovación e Industria.

Ocupación dos terreos

Nos últimos anos, a capacidade da Tecnópole aumentou tanto no espazo para albergar empresas consolidadas coma nos servizos de apoio a proxectos de emprendedores. O 85% das parcelas para empresas están ocupadas. Das 19 que había en 2005 pasouse ás 32 coas que se pechou o ano 2007. No caso dos niños, o número de empresas sitúase xa en 49, o que supón un incremento do 98% con respecto a 2005. A ocupación do espazo en aluguer e dos niños reservados para empresas novas acada a porcentaxe do 100%.

O incremento no número de empresas trasládase tamén á cantidade de empregados: nestes momentos traballan na sociedade xestora e nas empresas un total de 1.690 persoas, mentres que en 2005 eran 1.000, o que supón un incremento do 69%.

Balance económico e financeiro

En 2007, a Tecnópole superou a barreira dos 700.000 euros en ingresos, dos que 570.000 corresponden a servizos prestados e 154.000 a proxectos realizados. Esta cifra sitúa o exercicio de 2007 na mellor evolución económica dos últimos dez anos, cun aumento de máis de 100.000 euros respecto de 2006. Por esta razón hai unha importante redución da subvención para gastos correntes desde o ano 2006 -xa que aumentan os ingresos-.

Segundo explicou o titular de Innovación e Industria, o aumento dos ingresos acadados por servizos e proxectos, xunto cun mellor control nos gastos correntes, levou a unha mellora substancial do ratio ingresos sobre subvencións. Isto mellorou o grao de autonomía financeira do parque nun 25%, na liña dos obxectivos da Consellaría de Innovación e Industria, que pasa por que en 2008 a metade dos ingresos procedan da propia actividade de prestación de servizos.

É de salientar tamén que a Tecnópole conseguiu nestes dous últimos anos, por primeira vez na súa historia, captar fondos dos Ministerios de Educación e de Industria para o financiamento de infraestruturas, para a sociedade xestora e para as empresas.

Proxectos futuros

Para seguir medrando en autonomía financeira, a Consellaría está a facer unha aposta polo investimento en infraestruturas, fronte a gastos correntes. No ano 2008 investirá 1,5 millóns de euros na creación de novos espazos de aluguer para empresas e na posta en marcha do Centro de Experimentación en Enerxías Renovables, unha instalación ao servizo das empresas galegas que precisen testar innovacións en materia de enerxía eólica e solar fotovoltaica. Estas infraestruturas permitirán á Tecnópole, segundo adiantou o conselleiro nacionalista, aumentar os ingresos e gañar en autonomía, tanto pola venda da enerxía procedente do Centro de Enerxías Renovábeis coma polo aluguer de novos espazos a empresas, vía que permitirá triplicar os ingresos até chegar a 120.000 euros, só por este concepto.

Durante 2008 tamén se porá en marcha o novo viveiro de iniciativas de negocio en biotecnoloxía e a Tecnópole ofertará novo espazo para provedores das actuais empresas (naves tecnolóxicas autosostibles en réxime de aluguer). O Parque Tecnolóxico de Galicia liderará ademais a futura rede de Parques Científico-Tecnolóxicos de Galicia e, entre outros proxectos, desenvolveranse os proxectos pilotos Tecnópole Emprende, que suporá a promoción de cinco novas empresas de base tecnolóxica; Tecnópole ProTIC, que impulsará as TIC en cinco empresas do parque para incrementar a súa produtividade; e ‘e-Factura’, proxecto de apoio ás PEMES na implantación da facturación telemática.

A pesar de ter un perfil amplo, Fernando Blanco destacou que a tendencia da Tecnópole na actualidade recolle unha certa especialización en actividades de enerxías renovábeis e de alimentación e biotecnoloxía.

Por último, o conselleiro de Innovación e Industria explicou que a proxectada ampliación do parque tecnolóxico, que practicamente duplicará a súa superficie ao ampliar a superficie actual en 425.187,60 m2 até alcanzar os 939.625 m2 de superficie total final, permitirá dar cabida a máis iniciativas empresariais de emprendedores e a novos proxectos de base tecnolóxica.

De igual xeito Blanco avanzou a ampliación da subestación eléctrica de San Cibrao das Viñas, actuación que contará cun investimento de 1 millón de euros e que incluirá un novo transformador de 30 MVA, coa que se pretende asegurar a subministración eléctrica ao parque tecnolóxico e á súa futura ampliación.

Visita a T-Solar Global

Aproveitando a súa estancia na Tecnópole, o conselleiro fixo unha visita ás obras de construción das instalacións da empresa T-Solar Global, no mesmo Parque Tecnolóxico ourensán. T-Solar Global é unha empresa líder na produción da paneis solares de lámina delgada e pioneira no seu sector dentro da Unión Europea. A compañía conta cunha parcela de 28.500 metros cadrados e xerará, cando comece a súa actividade ao longo deste ano 2008, 200 postos de traballo. A súa posta en marcha suporá un paso adiante no deseño e creación de paneis solares fotovoltaicos de capa fina de silicio xa que substitúe o silicio cristalino polo amorfo, cun maior rendemento ao ser necesario empregar unha cantidade menor desta substancia pero xerando a mesma enerxía.