A empresa de Tecnópole Xesol Innovation presenta o primeiro sistema avanzado de asistencia á condución de baixo custo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Xesol Innovation é unha empresa tecnolóxica galega. Dedícase ao desenvolvemento de software e produtos de mobilidade intelixente, destinados a previr e reducir a sinistralidade na estrada. Así mesmo, busca potenciar a eficiencia e a mobilidade de calidade cun compromiso ambiental sustentable, utilizando para iso a tecnoloxía máis innovadora. Está situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- e posúe ademais oficinas en Vigo e en Madrid. 

No marco do programa de investigación Horizonte 2020 da Unión Europea, a empresa Xesol recibiu 2 millóns de euros para o seu proxecto SmartCars. Dentro deste proxecto desenvolveu un Sistema Avanzado de Asistencia á Condución (ADAS) que monitoriza a contorna dinámica e identifica peóns, vehículos, sinais de tráfico e tamén as liñas da estrada; empregando para iso tecnoloxía de visión computacional e redes neuronais. 

Os modelos que existen no mercado roldan os 900 € e o sistema galego poderá adquirirse por 550 € 

“Adestrouse o sistema para que detecte a presenza dun obstáculo na estrada e avise ao condutor do perigo de colisión, emitindo unha alerta tanto sonora como visual” -explica José Crespo, responsable legal e de protección de datos de Xesol-. “Axudará a potenciar a seguridade viaria e a salvar vidas” -recalca-. Nesta liña, os sistemas avanzados de asistencia á condución como o SmartCars de Xesol poden contribuír a salvar ao redor de 7.300 vidas só en Europa entre o ano 2020 e 2030, segundo datos da Comisión Europea. 

Trátase do primeiro Sistema Avanzado de Asistencia á Condución galego e o primeiro de baixo custo que existe no mercado. Os sistemas que xa se comercializan alcanzan os 900 €, mentres que este poderase adquirir por uns 550 €. Ademais, desde a empresa aseguran que “mellora os modelos existentes en canto a que distingue a presenza de peóns, ademais da sinxeleza de uso e instalación”. 

Na actualidade existen solucións similares incorporadas en automóbiles de alta gama. O sistema de Xesol poderá instalarse en todo tipo de vehículos como coches e camións. 

Dúas xornadas de demostración 

Ao longo do día de hoxe celebrouse unha xornada de demostración deste sistema no Parque Tecnolóxico de Galicia, nun circuíto habilitado con sinais, e continuará mañá venres durante toda a mañá. Estanse a empregar un total de 15 vehículos equipados con este dispositivo intelixente, composto dunha cámara, un PC e unha pantalla. 

Durante o desenvolvemento do evento, unha mostra representativa de 100 persoas (de diferente idade, sexo, actividade profesional…) tiveron (ou terán mañá) a oportunidade de probar algún destes vehículos. Ademais, están a avaliar a súa experiencia á hora de circular cun  automóbil cun sistema de axuda á condución integrado, que detecta e advirte sobre posibles perigos na estrada. O seguinte paso será que este prototipo pase ao proceso de comercialización.