Unha empresa da Tecnópole lanza unha app para que os empregados poidan fichar co móbil

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Unha aplicación móbil para que os empregados poidan fichar co smartphone. Este é o último lanzamento de Primux, empresa tecnolóxica que concibiu esta nova app no seu centro de I+D, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense).

Esta ferramenta busca facilitarlles ás empresas, e en especial ás pemes, o cumprimento da nova normativa de control obrigatorio da xornada laboral dos seus traballadores.

A app distínguese das que xa están no mercado en que permite fichar co móbil só en caso de estar a menos de cinco metros do posto de traballo, para garantir a presenza requerida. Ademais, dispón dunha plataforma desde a que o administrador pode filtrar os datos por empregado, exportar informes e editar fichaxes, entre outras funcionalidades, de maneira moi sinxela.

Desde a tecnolóxica galega, explican que a aplicación foi deseñada con base no estudo da utilización que os españois fan dos teléfonos intelixentes. Partindo de que o seu uso está estendido practicamente a toda a poboación e dun deseño intuitivo da app, Primux propón esta opción de fichar a través do smartphone como a máis facilmente integrable na rutina dos empregados e na operativa das empresas.

Segundo Primux, esta fórmula evita as aglomeracións á hora de fichar en dispositivos situados á entrada das empresas e a memorización e posible extravío dos códigos de rexistro por parte dos empregados.

A aplicación está xa dispoñible en Google Play, así como na web de Primux.