Egatel repite por terceiro ano consecutivo como empresa máis innovadora de Galicia segundo o Informe Ardán

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A empresa Egatel, con sede en Tecnópole, repite por terceiro ano consecutivo como a empresa máis innovadora de Galicia no ranking do Informe Económico e de Competitividade Ardán, elaborado polo consorcio da Zona Franca de Vigo co apoio da Axencia Galega de Innovación. Ademais, Egatel está catalogada como empresa gacela no informe, no que tamén se lle distingue como empresa global e empresa con potencial competitivo alto.

Egatel está especializada na investigación, desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia destinados a transportar ou difundir sinais de televisión -tanto en formato analóxico como dixital- e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global.

Máis do 40% dos seus 63 empregados teñen dedicación exclusiva a actividades de I+D+i, principalmente no ámbito das comunicacións por radiofrecuencia. En 2015, o 85% da súa facturación procedeu do mercado internacional, con clientes nos cinco continentes: 9 países de Europa, 11 de América, 8 de África, 4 de Asia e 3 de Oceanía.

Melloras nos parámetros económicos

O informe Ardán, presentado recentemente, reflicte que a facturación agregada das empresas galegas creceu un 8% respecto ás contas presentadas nos rexistros mercantís no exercicio anterior, o valor engadido bruto obtivo un incremento en termos agregados do 9,81%, por termo medio os ingresos de explotación creceron o 2,90%, o resultado do exercicio rexistrou taxas medias de variación superiores ao 15% e o fluxo neto de caixa fíxoo a un ritmo do 8,12%, o que constata melloras notables na maioriÏa dos parámetros económicos das empresas galegas.

Os principais indicadores que se reflicten no informe baseáronse nas contas anuais de 18.235 empresas con domicilio social en Galicia e das que, ademais, se dispoñen dos seus datos correspondentes á serie dos exercicios anuais de 2013, 2014 e 2015, o que posibilita o estudo de tendencias.

O dato de que a facturación total das empresas galegas roldou en 2015 os 75.000 millóns de euros cando, estas mesmas empresas en 2014 facturaron 69.000 millóns de euros o que supón un incremento de aproximadamente o 8% nos ingresos de explotación é un dos indicadores que constatan a notable mellora na cifra de negocios das empresas galegas.

Respecto á xeración de riqueza destas empresas, a cifra do valor engadido bruto agregado en 2015 foi de 17.361 millóns de euros, o que supuxo, respecto ao ano anterior un incremento, en termos agregados do 9,81%.

Os ingresos de explotación creceron a unha media do 2,90%, o resultado do exercicio rexistrou taxas medias de variación superiores ao 15% e o fluxo neto de caixa fíxoo a un ritmo do 8,12%.

En 2015, a empresa galega, por termo medio, xerou riqueza, mediada a través do valor engadido bruto da súa conta de resultados a un ritmo do 3,87%. Esta taxa é notablemente mellor que a de 2014 que se situaba no 2,18%.

A rendibilidade económica rexistrada polas empresas analizadas chegou a un 2,73% de media, o que supón unha mellora respecto ao ano anterior de 0,4 puntos porcentuais. É importante destacar que esta mellora da rendibilidade se  debeu ao crecemento das súas dúas compoñentes, tanto a marxe de explotación como a rotación do activo.

A rendibilidade financeira alcanzou en 2015 o 4,21%. En 2014, os rexistros medios das empresas roldaban o 3,25%, polo que se alcanza aproximadamente 1 punto porcentual de incremento.

Para a análise do emprego a base de datos Ardán contou co rexistro do emprego total de 16.676 empresas durante os tres anos consecutivos do estudo. No seu conxunto viuse que estas empresas empregan a un 4,28% máis en 2015 que en 2014, o que significa a creación dun posto de traballo por cada 23 existentes. Segundo o número de empregados, o 74% teñen menos de 10 empregados e o 24% teñen de 10 a 50 traballadores. No seu conxunto estas dúas tipoloxías de empresas empregan o 44% dos traballadores.