Egatel participa no consorcio de enxeñerías galegas que prepara a revolución das comunicacións no mar

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Os barcos teñen o seu propio carné de identidade mentres navegan. Chámase AIS, pola súa denominación en inglés (Automatic Identification System), e recolle os datos básicos dos buques, dende o nome, ao destino, pasando pola posición na que se atopan, o rumbo ou a velocidade.

O sistema é fundamental para que o resto de embarcacións e as autoridades en terra dispoñan de información en tempo real sobre o tráfico marítimo, evitar colisións e apoiar as funcións dos radares para acudir ao rescate da tripulación en caso dun naufraxio. Pero o sistema queda curto fronte á saturación nalgunhas zonas de gran tránsito ou as dificultades de cobertura.

Dende Galicia trabállase nunha aplicación rompedora para revolucionar a seguridade e a eficiencia na xestión da navegación e as emerxencias. O grupo Cellnex, a través de Retevisión, lidera o Proxecto Polarys, da man das empresas da comunidade Egatel, Bastet Seguridad Tecnológica, Insitu e Scio, e os centros tecnolóxicos Gradiant e Cinae, unidos na ruta cara á "futura e-navegación".

"A importante presenza galega neste consorcio está relacionada, por unha parte, co estreito vínculo da rexión co mar e, por outro, coa presenza de importantes compañías que resultan óptimas para o desenvolvemento de todos os campos do proxecto", sinalan os responsables do proxecto.

Equipo redondo

As infraestruturas de Cellnex dan servizo de telefonía, datos e radiodifusión a máis de 200 millóns de persoas en Europa. Egatel, asentada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense, é unha das principais compañías especializadas no desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de transmisión de radio e vídeo ( broadcasting). De feito, encárgase do deseño do aparato de transmisión e recepción que representa o corazón de Polarys.

A coruñesa Scio achega a súa experiencia como enxeñería especializada en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a innovación no desenvolvemento de solucións para a seguridade marítima. As viguesas Bastet e Insitu -nacida do grupo de investigación de GEO-Tecnoloxías aplicadas da Universidade de Vigo- son referencia en videovixilancia e tecnoloxía de escáner láser, respectivamente; ao que se suma a longa traxectoria en I+D+i dos centros Gradiant (Vigo) e Cinae (Nigrán) para "proporcionar asistencia técnica de alto nivel e a validación dos datos obtidos".

Polarys traballa sobre o VDES, o sistema estándar de intercambio información dixital dentro da frecuencia VHF. Non é un dispositivo en si mesmo, senón unha canle, polo que o proxecto se centra no desenvolvemento do hardware e o software que aproveite o seu enorme potencial e achegue "solucións novidosas e atractivas para o usuario". "Aplicacións baseadas é unha robusta e eficiente transmisión dixital", segundo os investigadores do proxecto, porque a capacidade de transmisión é "ata 32 veces máis rápida que a actual".

Entre as aplicacións posibles destacan a sinalización automática de balizas virtuais, cartas de navegación en 3D e soporte a servizos integrais de seguridade a bordo, tanto en aspectos físicos (roubos, secuestros ou incendios), como en cuestións marítimas (a caída dun tripulante á auga ou abordaxes). O proxecto subliña tamén "o alto nivel de seguridade" do VDES, "que permite protexer a información ante ataques de diversa índole".

Poderase instalar a bordo ou en estacións con base en terra para dar soporte á e-navegación e a plataforma de conectividade marítima na que traballa o comité da Asociación Internacional de Axudas á Navegación Marítima e Autoridades de Faros (IAla). A seguridade é a primeira premisa do proxecto para achegar un servizo "integral a bordo" en calquera tipo de embarcación.

O proxecto conta co apoio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e financiamento europeo. Está previsto que a finais do próximo ano se conclúan o prototipo e as probas, para logo iniciar a comercialización.

O salto ao VDES, no que o consorcio capitaneado por Cellnex quere ser un pioneiro en toda Europa, supón, dende o punto de vista tecnolóxico, un cambio tan brutal como o apagamento analóxico na televisión doméstica. "O VDES dixitaliza as comunicacións e a transmisión de datos, son fitos comparables", aseguran.

"Así como na actualidade é obrigatorio dispoñer dun sistema AIS -apuntan en Polarys-, esperamos que no futuro próximo sexa obrigatorio dispoñer dun sistema VDES".

(Fonte: Faro de Vigo)