O desafío matemático da Galiciencia reta a todos os escolares de Galicia a demostrar as súas habilidades

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Tecnópole adianta de novo este ano o comezo da celebración da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, co lanzamento dun desafío matemático que se desenvolverá en varias etapas ata o mes de novembro. “Atrévete coas matemáticas!” está aberto a escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e constará de varias fases eliminatorias con probas a distancia, que culminarán nunha final presencial durante a Galiciencia, en Ourense.
 
Desde agora e ata o 22 de abril, os participantes deberán realizar unha fotografía ou un vídeo sobre un número ou unha secuencia matemática famosa. Os que superen esta fase terán de prazo ata o 13 de maio para enviar a gravación en vídeo dun flexágono –obxecto plano con forma de polígono creado mediante o pregue dunha peza de papel que, debidamente dobrada, permite mostrar máis caras ao manipulala– construído por eles mesmos. Quen demostre máis habilidade nesta proba poderá enviar ata o 3 de xuño o resultado do último reto a distancia: a creación dun anamorfismo, a distorsión dunha imaxe utilizando métodos matemáticos e ópticos para crear no observador a ilusión dun efecto perspectiva.
 
Durante a última xornada de Galiciencia, que contará co patrocinio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), terá lugar a proba final, de carácter presencial, que enfrontará os cinco equipos mellor puntuados na fase anterior.
 
Adestramento de habilidades
 
Esta iniciativa responde á vontade de Tecnópole de estender as actividades de divulgación científica ligadas a Galiciencia máis alá dos tres días que dura o evento central. En 2015, con motivo da celebración do décimo aniversario da feira, realizouse unha xira de espectáculos científicos e cursos para docentes por toda Galicia.
 
O concurso pretende estimular a creatividade e a curiosidade científica de escolares de centros das catro provincias. En concreto, as probas están deseñadas para cultivar o pensamento abstracto a través da xeración de imaxes a partir de conceptos matemáticos. Grazas á elaboración do flexágono e o anamorfismo aprenderán sobre a relación das matemáticas coa xeometría e a arte e, os que cheguen á final, adestrarán as súas habilidades na aplicación das matemáticas á análise e resolución de  problemas.
 
Máis información aquí.