O deporte facilita o manexo da tensión e un ambiente laboral positivo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A práctica de exercicio físico supón beneficios para a vida persoal e profesional, como un mellor manexo da tensión e o reforzo de habilidades sociais necesarias para contribuír a un ambiente laboral positivo. Estas foron algunhas das ideas compartidas esta mañá por Iago Saco, graduado en ciencias da actividade física e o deporte e técnico deportivo no Tecnópole Sport Center, durante o primeiro almorzo tecnolóxico da tempada.

Durante a charla, explicou que o concepto de saúde vai máis aló da ausencia de enfermidade, xa que engloba tamén factores como a xenética, as características da contorna, o sistema sanitario e o estilo de vida. Foi este último elemento, sobre o que cada persoa pode tomar decisións, no que se centrou para analizar os obstáculos que presenta o actual ritmo de vida e de traballo para conseguir un estilo de vida saudable.

Entre eles, destacou a dificultade para conciliar a vida laboral coa persoal e familiar, cunha presión de horarios que resta tempo para establecer hábitos de actividade e alimentación máis saudables. "Ademais, as esixencias de certos traballos, como a acumulación de horas sedentarias ou os movementos repetitivos que aumentan o risco de padecer doenzas musculoesqueléticas, únense aos elevados niveis de tensións", explicou. Para limitar o impacto destes factores, Saco mencionou que é fundamental unha boa organización, compromiso e eleccións idóneas, acordes aos obxectivos e motivacións persoais.

Do persoal ao laboral

O experto insistiu en que a actividade física achega beneficios no campo físico, psicolóxico e social. "Todos os beneficios que achega a nivel persoal, terán repercusión positiva na vida profesional. No plano físico, axuda a evitar doenzas articulares resultantes de posturas sedentarias ou de movementos repetitivos. A nivel psicolóxico, contribúe á redución da tensión, pois aumenta a liberación de endorfinas, achegando ao finalizar un estado de calma e benestar. A nivel social, contribúe á mellora das habilidades sociais, fundamentais para crear un ambiente positivo de traballo", expuxo.

A conveniencia de introducir o exercicio físico na rutina diaria esténdese á necesidade de reverter certas estatísticas con consecuencias sociais e económicas moi graves. "Máis do 25% das baixas laborais débense a trastornos musculoesqueléticos. É a causa do 86% das baixas no caso das persoas entre 44-55 anos. Ademais, a Organización Mundial da Saúde prevé que en 2020 a ansiedade e a depresión serán a primeira causa de baixa laboral en España", detallou Saco.

(Fonte: Tecnópole)