Conde sinala que as empresas que participan en Agrobiotech axudan a contar cunha Galicia máis innovadora e competitiva

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou, durante a súa participación no II Encontro Agrobiotech Innovación que se celebra ata mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que as empresas que participan na aceleradora Agrobiotech axudan a contar cunha Galicia máis innovadora e competitiva.

Conde destacou a importancia de Agrobiotech por ser un programa específico para empresas xa constituídas que desenvolven a súa actividade en tres sectores que Galicia está a impulsar co obxectivo de abrir novos camiños e oportunidades á vez que se apoian os recursos naturais para ofrecer un produto de calidade e innovador que diferencie a Marca Galicia. Trátase dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa.

O conselleiro explicou que Agrobiotech apoia pemes destes ámbitos co obxectivo de que medren, se internacionalicen, innoven, creen emprego e riqueza e, así, Galicia poida contar cun tecido empresarial máis forte e competitivo.

Durante estes dous días máis de 250 empresas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa se darán cita no congreso multisectorial Agrobiotech Innovación para captar novos clientes, establecer contactos e identificar e coñecer socios comerciais, industriais e financeiros. Conde destacou que se trata dunha boa ocasión para xerar oportunidades de negocio grazas ao espazo networking que o encontro ofrece.

Programa Agrobiotech

Este encontro forma parte das accións transversais que o programa Agrobiotech organiza como complemento ao programa de aceleración ao que acceden as empresas seleccionadas nesta iniciativa que nas súas dúas edicións xa apoia un total de 21 proxectos nos que a Xunta inviste 1,2 millóns de euros. O conselleiro destacou que a primeira edición permitiu crear 70 empregos e achegar 60 novos produtos ao mercado europeo.

Agrobiotech forma parte da rede de aceleradoras da Xunta que xa leva impulsado máis de 500 proxectos cunha mobilización de 17 millóns de euros. Ademais, os sectores que apoia son especialmente relevantes dentro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que xa está a mobilizar máis de 900 millóns de euros en proxectos de innovación. Un destes sectores, o biotecnolóxico, conta cunha estratexia propia na que xa se levan mobilizado máis do 25% do previsto de cara a 2020.

Conde rematou agradecendo á Axencia Galega de Innovación (GAIN), ao Parque Tecnolóxico de Galicia e a Cetal, Bioga, Clusaga e CIS Madera o seu traballo para que este encontro fose posible e asegurou que Galicia ten toda a capacidade para seguir medrando nestes sectores.

134 reunións

Co fin de favorecer o contacto directo entre os participantes en función dos seus intereses, a organización programou un total de 134 reunións bilaterais segundo os intereses dos participantes. Ademais, de maneira complementaria, os asistentes contan cun espazo de networking no que se están a realizar contactos de xeito espontáneo.

Durante toda a xornada, ao igual que mañá, os asistentes teñen ocasión de coñecer e experimentar os produtos e servizos innovadores de 27 empresas relacionadas cos sectores da biomasa, a biotecnoloxía e a agroalimentación que se mostran na área expositiva de Agrobiotech. En concreto, as empresas que participan no proceso de aceleración do programa impulsado pola Xunta levaron ao recinto produtos como o chourizo de cabaza, a cervexa de sabugueiro, os untables e cremas de vexetais e froitas, pellets optimizados e ferramentas innovadoras de diagnóstico clínico. A eles sumáronse outras empresas galegas que comercializan cosméticos ecolóxicos fabricados con algas, licores elaborados con estrugas ou biofertilizantes.

Durante as sesións paralelas, as empresas bio tiveron ocasión de coñecer as oportunidades de desenvolvemento de negocio que supoñen as novas dinámicas de compra pública innovadora, contempladas expresamente na Estratexia Galega de Biotecnoloxía. Segundo expuxo Pilar Morgade, da Axencia Galega de Innovación (GAIN), “innovar na contratación para contratar innovación”.

En relación ao sector da biomasa, os ponentes destacaron a aposta por produtos que van máis alá dos pellets, baseados na valorización de compostos que hai algúns anos non terían valor no mercado. É o caso dos bioplásticos para fabricación aditiva en automoción e construción ou dos produtos de limpeza e desinfección.

O polo de innovación dixital para o sector agroalimentario galego, desenvolvido en colaboración polo Campus Terra da USC, foi presentado como unha iniciativa que contribuirá a impulsar de xeito decisivo o avance da bioeconomía en Galicia.

Ao longo da tarde, realizaranse roldas rápidas de presentación de empresas que participan tanto nesta como na primeira edición do programa de aceleración Agrobiotech e de varios proxectos galegos dos tres sectores de referencia financiados polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). Ademais, foi presentado o proxecto europeo Nanoeaters, que desenvolve aplicacións da nanotecnoloxía no ámbito agroalimentario.