O CHUO presenta en Tecnópole as oportunidades dos living labs para as empresas galegas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O próximo 23 de maio as empresas galegas terán a oportunidade de entrar en contacto coas oportunidades de negocio que xera un contorno emerxente de innovación: os laboratorios viventes ou living labs. En concreto, poderán coñecer de primeira man, a través do seu xerente, as necesidades do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), entidade pioneira en Galicia neste ámbito e en proceso de integración nunha rede de living labs a nivel europeo.

O encontro, que terá lugar ás 9.30 h. no marco do ciclo de almorzos tecnolóxicos de Tecnópole baixo o título "Os living labs como oportunidade de colaboración hospital-empresa", está aberto a inscrición gratuíta.

Os living labs son bancos de probas reais, contornos de innovación aberta e de experimentación para crear novos produtos, servizos e instalacións axeitadas a necesidades reais. O xerente do CHUO, Julio García Comesaña, exporá a importancia que ten para o seu living lab a participación de empresas con capacidade tecnolóxica e innovadora co fin de dar resposta ao reto de crear un ambiente máis amable e efectivo para o paciente crónico nos centros hospitalarios. En torno a esta idea, analizará os ámbitos de oportunidade de colaboración hospital-empresa relacionados con este reto.

Acompañarán a García Comesaña, co obxectivo de crear un espazo de diálogo coas empresas asistentes, o equipo da Área de Investigación e Innovación da EOXI Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e o director operativo de procesos asistenciais.

Oportunidades a nivel europeo

Ademais, abordarase o proxecto de creación dunha rede de colaboración de living labs a nivel europeo, na que se integrará o CHUO, para ampliar a capacidade de resposta a estes retos e fomentar a transferencia de coñecemento e experiencia entre centros hospitalarios, universidades e empresas na UE.

A exposición das oportunidades a nivel europeo que isto supón para as empresas galegas enmárcase no programa de actuacións de Tecnópole para promover a internacionalización do tecido empresarial galego a través da súa participación como entidade de referencia de Galactea Plus, o nodo da European Enterprise Network (EEN) (link is external) no noroeste peninsular.