Boeing e FIRST Scandinavia lanzan unha aula permanente de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas en Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Xunto con Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia traerá a experiencia de aprendizaxe Newton a España, xusto dous anos despois de que este concepto se estrease na cidade de Lugo. Nesta ocasión, modificarase e equiparase un grande espazo de aprendizaxe permanente preto da cidade de Ourense, no Parque Tecnolóxico de Galicia, sede que alberga numerosas actividades educativas para xoves e tamén presta apoio ao tecido empresarial da zona. Trátase dunha oportunidade para que estudantes de entre 14 e 16 anos utilicen equipos de alta calidade, colaboren, debatan e se divirtan ao redor das materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (materias STEM).

A Aula Newton de Tecnópole será a primeira que se estableza de forma permanente en España, e trátase dun formato que cultivou un grande éxito en Noruega, onde hai máis de 40 aulas permanentes. As Aulas Newton encaixan particularmente ben en zonas rurais, e permiten que os estudantes perfeccionen as súas habilidades en materias STEM baixo a supervisión de profesores especializados. Os colexios galegos que queiran que os seus alumnos participen poden inscribirse aquí.

"É un orgullo presentar a primeira Aula Newton permanente en Galicia. A Aula Newton portátil tivo unha grande acollida entre os estudantes e o público xeral en Lugo hai dous anos. Coa aula permanente poderemos proporcionar esa mesma oportunidade a moitos máis estudantes", afirma Stian Elstad, Director Xeral de FIRST Scandinavia.

"Encántame que Boeing siga a investir nos enxeñeiros do mañá en Galicia con esta nova oportunidade de aprendizaxe para os mozos. Como enxeñeira e directiva, coñezo de primeira man o gratificante que é aprender e traballar en áreas relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas, e os proxectos Newton están a axudar a motivar a unha nova xeración", declarou Angela Natale, Directora Xeral de Boeing International.

O apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas 'Voando alto, sumando vocacións', no que colabora Boeing, que á súa vez tamén é socio industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia con proxectos como o de Xestión e seguridade do tráfico para espazos aéreos compartidos.

Boeing e Galicia

Boeing é un socio activo de Galicia desde 2018, momento no que Boeing Research & Technology-Europe, con sede en Madrid, se adxudicou o proxecto da Xunta baixo a fórmula de compra pública precomercial para abordar a "Xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos compartidos" no marco da "Civil UAVs Initiative" (Iniciativa de vehículos aéreos autónomos en aplicacións non-militares). O obxectivo principal deste proxecto de 18 meses de duración, bautizado "SkyWay", era o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que permitisen avanzar nos retos operativos e de seguridade relacionados co despregamento de sistemas non tripulados en espazos aéreos compartidos. A implantación deste proxecto incluía unha serie de actividades clave no marco socioeconómico para Galicia, como un convenio coa Universidade de Vigo, a organización dos "Drone Days" para estudantes no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas, e a construción dun simulador de voo no laboratorio de Boeing no campus de Ourense, ademais da instalación dunha Aula Newton portátil en Lugo en 2019.

Boeing en España

A presenza de Boeing en España remóntase a máis de 85 anos, nos que atendeu as necesidades dos seus clientes de aerolíneas comerciais e mantivo unha colaboración de longa duración co sector aeroespacial español. Tamén leva anos como provedor de avións, helicópteros e sistemas militares para as Forzas Armadas Españolas. O centro europeo de I+D de Boeing (Boeing Research & Technology-Europe), con sede en Madrid, xera ideas innovadoras para satisfacer as necesidades dos clientes de Boeing en áreas como enxeñaría dirixida por modelos, sistemas de aviónica, eficiencia de operacións aeroespaciais e autónomas, materiais e tecnoloxías de fabricación.

O concepto Newton

O concepto Newton está desenvolto e xestionado por FIRST Scandinavia, unha entidade sen ánimo de lucro, xunto con profesores, institucións docentes e corporacións. Unha Aula Newton é unha aula ben equipada que se centra na educación en materias STEM de alta calidade co fin de inspirar ao alumnado. O obxectivo é que o maior número posible de nenos vivan unha experiencia agradable e gocen dunha sensación de dominio nas materias de ciencias. A formación é variada e céntrase en actividades prácticas. Creáronse máis de 40 aulas Newton en Noruega, Dinamarca e Escocia, e o concepto despregouse a escala internacional co patrocinio de Boeing.

Colaboración con Boeing

Desde 2013, Boeing e FIRST Scandinavia colaboraron en diversos proxectos, entre outros a creación da Academia de Voo Newton en Bodø, Noruega. En xuño de 2018 FIRST Scandinavia foi elixida como colaborador oficial de Boeing en materias STEM cun investimento de 5 millóns de dólares estadounidenses. O concepto Newton está a presentarse actualmente en nove países europeos con solucións portátiles ou aulas permanentes.

Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole)

O Parque Tecnolóxico de Galicia S.A. -Tecnópole- promove o coñecemento e a innovación na actividade empresarial. Mantén vínculos activos de colaboración con universidades, centros de investigación e empresas co obxecto de fomentar actividades de I+D+i e o desenvolvemento e a competitividade a nivel empresarial. No ámbito da divulgación científica e tecnolóxica, desde 2006 organízase o concurso de talento para mozos “Galiciencia”. Grazas a esta iniciativa tamén se desenvolveron outras, como o T2W e Aulas Tecnópole, para ensinar habilidades empresariais innovadoras aos estudantes de secundaria. Tecnópole tamén organiza campamentos de verán e mantén unha relación sólida cos colexios da rexión.