Baixo o lema "Conecta a túa empresa a Europa", Tecnópole presenta os seus servizos no marco da rede EEN-Galactea Plus

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

O próximo almorzo tecnolóxico organizado por Tecnópole centrarase na presentación da rede EEN-Galactea Plus e nos servizos que Parque Tecnolóxico de Galicia presta a todo o tecido empresarial galego a través dela. A cita, aberta a inscrición, terá lugar o próximo 10 de maio entre as 9.30 e as 10.30 horas.

A Enterprise Europe Network é a maior rede do mundo de información e asesoramento a pequenas e medianas empresas para promover a súa competitividade a nivel internacional. Xunto coa Axencia Galega de Innovación (Gain), Tecnópole é a entidade de referencia da rede en Galicia a través de Galactea Plus, o consorcio que dá cobertura á rede no noroeste de España, coa participación doutras sete entidades de Asturias, Cantabria e Castela e León.

Tecnópole uniuse así a principios deste ano ás máis de 600 entidades de máis de 60 países que forman parte da Enterprise Europe Network. O seu obxectivo é multiplicar as oportunidades de éxito das pemes combinando a experiencia no mercado internacional que ofrece a rede no seu conxunto co coñecemento do ámbito máis inmediato que achegan as entidades locais que, como Tecnópole, funcionan como nodos.

As empresas que asistan ao almorzo tecnolóxico poderán coñecer de primeira man os servizos de asesoramento que presta o Parque Tecnolóxico de Galicia no marco da rede atendendo consultas sobre lexislación, fiscalidade, instrumentos de axuda, etc. no ámbito comunitario. Tecnópole tamén realiza tarefas de promoción da cooperación empresarial, como a organización de encontros entre pemes e a xestión de ofertas e demandas de colaboración no territorio que abrangue o consorcio Galactea Plus. Ademais, recollerá e transmitirá á Comisión Europea as inquietudes e suxestións das empresas en relación co mercado e a regulación comunitarios.