Os aspirantes a expoñer proxectos na Galiciencia 2019 teñen ata o 11 de marzo para presentar as súas ideas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole abre o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2019 desde hoxe ata o próximo 11 de marzo. A cita da maior feira científica de Galicia está fixada para os días 8, 9 e 10 de maio, coa saúde e os bos hábitos como temática central. Os proxectos relativos a este campo competirán polo premio da categoría especial do certame.

Coa apertura da recepción de ideas iníciase o proceso de selección dos 80 proxectos cos que Tecnópole celebrará a décimo cuarta edición deste evento. Aos 50 traballos presentados por equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP que competirán polo primeiro premio do certame, sumaranse fóra de concurso 30 proxectos máis de alumnos de Primaria e Educación Especial.

O evento terá lugar nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A súa celebración é posible un ano máis grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)–, da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

As bases están xa dispoñibles en www.galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día. Tamén se abre hoxe na web a recollida de solicitudes de visita para grupos por parte dos centros escolares.

Co obxectivo de garantir o acceso a unha representación diversa dos centros de toda Galicia no certame, limítase a catro proxectos a exposición por cada centro. Para participar, o requisito fundamental é formar un equipo de dous alumnos e un profesor e contar a idea, xa sexa un proxecto experimental e tecnolóxico ou un traballo documental, a través do formulario de inscrición.

Os equipos seleccionados para expoñer o seu proxecto deberán achegar previamente unha presentación dixital na que se recollan os aspectos máis relevantes da súa investigación, co obxectivo de fomentar a capacidade para resumir e comunicar de forma atractiva o seu traballo de cara á celebración da feira.

Á parte de montar a infraestrutura da feira e facilitar o desprazamento e a estancia dos participantes en Ourense, Tecnópole organiza actividades paralelas para eles e para os visitantes. Este ano haberá, entre outros, varios talleres relacionados cos aspectos científicos máis destacables da vida saudable (alimentación, actividade física e saúde), co obxectivo de promovela entre os escolares.

Ademais, hoxe lánzase tamén o desafío “Atrévete cos bos hábitos!”, que terá varias probas eliminatorias online ao longo dos vindeiros meses e que resolverá a súa fase final, de carácter presencial, durante a Galiciencia. Á súa vez, quedan convocados os concursos de fotografía para alumnos e profesores e de deseño da camiseta oficial do evento.

Toda a información en www.galiciencia.com.