APTE felicita á Tecnópole pola organización da VII Conferencia Internacional de Parques Tecnolóxicos na xornada da súa clausura

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Logo de que o presidente da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos (APTE), Felipe Romera, felicitara á Tecnópole pola organización da sétima edición da súa Conferencia Internacional, valorándoo coma unha “conferencia extraordinariamente completa nun entorno impresionante”, o director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato, despediu ao cento de asistentes.

Mato reiterou o compromiso do actual Goberno galego “co tecido produtivo con raíces na innovación”, do que engadiu que “un instrumento fundamental son os parques científico-tecnolóxicos”. O vicepresidente e conselleiro delegado de Tecnópole expresoulles o seu desexo aos asistentes de “que levedes un anaco de Galicia” e asegurou que tanto el coma o seu equipo “tomamos nota das conclusións e das preocupacións que a APTE deixou patentes durante as sesións da Conferencia”, que serán aproveitadas para enriquecer a constitución da futura Rede Galega de Parques Científico-Tecnolóxicos.

Pouco antes da clausura da Conferencia Internacional tivo lugar a entrega do Premio da Rede de Transferencia de Tecnoloxía da APTE, que recaeu en Ingelabs, unha empresa do Parque Tecnolóxico de Andalucía que desenvolve a súa actividade no sector da enxeñería electrónica.

Posteriormente, produciuse o relevo da bandeira entre parques anfitrións da Conferencia, que lle foi entregada ao xerente de Creápolis Parc de la Creativitat (Barcelona), de man do vicepresidente e conselleiro delegado da Tecnópole, Salustiano Mato, para que o parque catalán se faga cargo oficialmente da organización da edición de 2009.

O talento innovador

Logo dunha primeira xornada centrada na exploración das novas tecnoloxías ligadas a internet como ferramentas de negocio, nos instrumentos europeos de financiamento da innovación e na futura Rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos de Galicia, que terá a Tecnópole como coordinador, a VII Conferencia Internacional da APTE centrou a xornada de clausura na xestión do talento innovador e no concepto de hibridación.

O experto en xestión do talento Santiago Álvarez de Mon, profesor titular do IESE que imparte clases e conferencias sobre liderado e goberno das organizacións en América, Europa e Asia, explicou que “a xestión das persoas non ten tanto que ver cos outros coma con un mesmo, para poder xestionar aos demais primeiro hai que saber autoxestionarse”. Neste sentido, Álvarez de Mon asegurou que o importante é advertir as posibilidades que se agochan detrás de cada persoa. “Os directivos deben ser arquitectos dunha atmósfera emocional, a axeitada para potenciar o talento e a intelixencia das persoas do seu equipo”.

Álvarez de Mon mostrouse convencido de que “estamos castrando o talento dos nosos fillos, tratando de proxectar neles as nosas frustracións en lugar de observar onde está o seu talento e potencialo”. Ademais, fixo un chamamento ás empresas para que deixen de estar obsesionadas pola planificación estratéxica, “o momento actual está demostrando que non é o máis importante”, e que se centren no pracer e na diversión, “que son claramente rendibles. As empresas aburridas perden diñeiro”, asegurou.

O experto en xestión das persoas afirmou que “Europa sufrirá porque está aburguesada. Mentres, en Asia traballan duramente”. Segundo a súa visión, as únicas garantías para o éxito son o talento, a disciplina e a fortaleza mental.

Hibridación

Atendendo a unha das tendencias máis destacadas da innovación no panorama actual, a hibridación -que aposta pola interrelación entre sectores diferentes para favorecer as novas ideas-, o cento de xestores de parques científicos e tecnolóxicos asistentes á Conferencia puideron tomar nota da experiencia do investigador en artes plásticas Chema Dapena. O pintor, escultor e deseñador industrial explicou as súas iniciativas na investigación en novos materiais.

Coñecido no eido artístico co alcume do ‘alquimista do vidro’, leva anos traballando con materiais reciclados e está desenvolvendo un proceso de tratamento do vidro único, recoñecido como tal polas escolas especializadas na materia en Europa. Dapena reivindicou a ligazón histórica entre arte e innovación, sinalando que “o que se vén denominando como vangarda debería terse nomeado como innovación artística, como farei eu desde hoxe e para sempre”.

A última das ponencias ilustrou o tema da cociña e da adega como laboratorios. O cociñeiro galego do Grupo Nove Xosé Cannas impartiu unha clase maxistral de cociña no Auditorio de Ourense na que insistiu na innovación “sempre respectuosa cos sabores tradicionais”. Ademais de explicar as súas iniciativas sobre a experimentación coas temperaturas de cocción (preparou peixe a 45ºC) e con novos elementos como as flores, expuxo a súa colaboración en varios proxectos de I+D sobre alimentos funcionais dunha empresa de biotecnoloxía galega.

Na outra parte desta ponencia, os expertos en enoloxía Xoán Cannas, José Luis Mateo e Raúl Pérez explicaron como as tendencias máis innovadoras no ámbito da viticultura pasan por tratar cada viña como un ecosistema diferente e por recuperar variedades autóctonas tradicionais. Neste sentido, José Luis Mateo, propietario da adega Quinta da Muradella (Verín), explicou que “nun mercado tan saturado coma o do viño, a innovación ten que estar orientada necesariamente a diferenciarse e iso só se pode lograr a través de dous factores que son inimitables: o sustrato histórico e a cultura”.