Os alumnos de Secundaria poderán participar en talleres de cociña molecular e os de Primaria introduciranse no mundo da electricidade en Galiciencia 2020

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove desde o ano 2006 Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Esta 15ª edición será os días 9, 10 e 11 de decembro, baixo o lema “A innovación do futuro”. Terá formato online, debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria. Abrirase o 9 cun espectáculo de ciencia e os días 10 e 11 celebraranse varios talleres para alumnado de Primaria e Secundaria.

Talleres para alumnos de Primaria

Ademais da participación na Galiciencia mediante o envío de proxectos, que competirán polo premio final do certame, os rapaces poderán formar parte desta experiencia a través dunha serie de actividades. Os días 10 e 11, de 10:00 a 11:00 horas, será a quenda do alumnado de Primaria. Baixo o título “Iluminando o mundo”, os mozos terán a oportunidade de introducirse no eido da electricidade para descubrir as propiedades dos materiais condutores, e mesmo realizarán os seus primeiros circuítos eléctricos, empregando materiais tan sinxelos como plastilina condutiva, pilas e leds. Para iso, todos os grupos participantes recibirán no seu centro educativo, de xeito gratuíto, un kit para poder realizar a actividade.

Talleres para alumnos de Secundaria

Pola súa parte, os alumnos de Secundaria poderán participar no taller “Cociñando o futuro”, o 10 e o 11 de decembro de 11:30 a 12:30 horas. A través da innovación na cociña, descubrirán a relación entre a química e o traballo de laboratorio mentres crean as súas propias receitas no eido do que hoxe se coñece como “cociña molecular”. Así, prepararán esferificacións directas e inversas e raviolis que terán como elemento principal agar-agar (un extracto de algas con capacidade xelificante).

A pesar de realizarse por internet, será unha actividade totalmente práctica. Os centros inscritos recibirán, tamén de maneira gratuíta, os materiais necesarios para poder desenvolver este taller. Cada kit inclúe reactivos para cociña molecular, agar-agar, recipientes e micropipetas.