Aberto o prazo para matricular os máis novos en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Parque Tecnolóxico de Galicia abriu esta semana a través da súa web o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os seus cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para mozos de entre 8 e 18 anos. As prazas son limitadas e a matrícula farase efectiva por orde de formalización.

Ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas. Esa é a fórmula que a partir de agora protagonizará a oferta formativa para os 24 escolares de entre 8 e 11 anos que participen unha vez á semana no STEAM Kids Tecnópole. Esta nova proposta substitúe as anteriores Aulas Robótica para ofrecer aos máis novos unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía dende unha óptica artística e creativa.

O termo STEAM é o acrónimo de science, technology, engineering, arts and mathematics. Con el englóbanse un conxunto de aprendizaxes que teñen como finalidade ensinar ao alumnado para pensar de forma crítica e aproximarse á enxeñería ou ao deseño dunha forma realista mentres constrúen as súas habilidades matemáticas e científicas.

O programa da actividade aposta por ofrecer aos rapaces e rapazas un conxunto de actividades de aprendizaxe que xiren arredor de distintos campos de coñecemento pero que requiran do uso de todo tipo de habilidades, tal como sucede na vida real.

Os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a programar, voarán drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas.

A fonte de inspiración de Tecnópole para esta nova proposta son entidades que apostan por innovar na educación tales como o Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, que propón potenciar o desenvolvemento intelectual e humano dos máis novos a través de actividades que combinan diferentes disciplinas.

Aulas Tecnópole

Para os escolares de 12 a 18 anos, o programa de capacitación en habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa novena edición.

Dende outubro ata maio, cada xoves pola tarde acollerán a un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.