Aberto a inscrición o II Encontro Agrobiotech Innovación, 26 e 27 de outubro en Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O II Encontro Agrobiotech Innovación reunirá máis de 200 empresas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa durante os días 26 e 27 de outubro en Tecnópole. A inscrición neste evento, deseñado para abrir novas oportunidades de negocio, é gratuíta e está aberta en www.agrobiotech.gal.

Este encontro é unha acción do Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e Parque Tecnolóxico de Galicia. Tras celebrar a súa primeira edición en 2015 cun alto índice de satisfacción entre os seus participantes, este ano consolídase a súa periodicidade bienal.

O evento está deseñado para xerar novas oportunidades de negocio a través da captación de clientes; o contacto con novos provedores; a apertura de novos mercados; a identificación de socios comerciais, financeiros ou industriais; e o acceso a información sobre as prioridades e necesidades da Administración galega.

Os destinatarios principais deste evento son empresas demandantes ou ofertantes de produtos, servizos ou tecnoloxía nestes tres sectores, institucións con intereses neles e clústers, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos con actividade nestes ámbitos.

Encontro multiformato

Co obxectivo de favorecer ao máximo o cumprimento das expectativas dos participantes, contémplanse diferentes actividades no programa do encontro.

Para favorecer o intercambio de coñecemento especializado, o eixe central do programa será un conxunto de relatorios, mesas redondas e talleres sectoriais de carácter práctico a cargo de expertos en cada unha das tres áreas de referencia. Nelas abordaranse tendencias emerxentes que supoñen a apertura de novas oportunidades para as empresas, como son a bioeconomía, a compra pública innovadora e a industria 4.0.

Unha grande área de exposición gratuíta permitirá a empresas e profesionais mostrar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións. De xeito complementario, habilitarase un espazo de networking para favorecer os contactos profesionais e institucionais.

Ademais, co fin de favorecer o contacto directo, programarase unha axenda de reunións "one to one", que serán xestionadas con antelación.

En paralelo á preparación do encontro, continúa o programa de aceleración no que participan dez empresas e que inclúe sesións de formación abertas a todo o tecido empresarial sobre transformación dixital para empresas do sector agrobiotech e sobre internacionalización.