Aberto ata o 22 de outubro o prazo de presentación de proxectos para a Galiciencia 2017

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole abre o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2017 ata o próximo 22 de outubro. A maior feira científica de Galicia inicia así o proceso de selección dos 80 proxectos cos que celebrará a súa duodécima edición. Aos 50 traballos presentados por equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP que competirán polo primeiro premio do certame, sumaranse fóra de concurso 30 proxectos máis de alumnos de Primaria e Educación Especial.

O evento terá lugar entre o 22 e o 24 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A súa celebración é posible un ano máis grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)– e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

As bases están xa dispoñibles en www.galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día.

Co obxectivo de garantir o acceso a unha representación diversa dos centros escolares de toda Galicia, limítase a catro proxectos a exposición por cada centro. Para participar, o requisito fundamental é formar un equipo de dous alumnos e un profesor e contar a idea, xa sexa un proxecto experimental e tecnolóxico ou un traballo documental, a través do formulario de inscrición.

Os equipos seleccionados para expoñer o seu proxecto deberán presentar previamente unha presentación dixital na que se recollan os aspectos máis relevantes da súa investigación, co obxectivo de fomentar a capacidade para resumir e comunicar de forma atractiva o seu traballo de cara á celebración da feira.

Á parte de facilitar o desprazamento mediante autobuses procedentes de toda Galicia e a estancia dos estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP en Ourense, ademais de montar a infraestrutura da feira, Tecnópole organiza actividades paralelas para o público e para os propios participantes. Este ano haberá, entre outros, varios talleres relacionados coa astronomía.

A celebración da Galiciencia comezou xa hai uns meses co lanzamento dun desafío astronómico que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final no mes de novembro. En “Atrévete coa astronomía!” participan escolares dos últimos cursos de Primaria, de Secundaria e de Bacharelato de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a victoria presencialmente durante a Galiciencia.

Aulas Tecnópole

Ademais, Tecnópole pon en marcha un ano máis o seu programa de capacitación en habilidades innovadoras para escolares, abrindo a inscrición ata o 30 de setembro.

As Aulas Tecnópole retomarán a súa actividade por oitavo ano consecutivo no mes de outubro e cada xoves pola tarde acollerán a un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas de 12 a 18 anos. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.

Pola súa parte, as Aulas Tecnópole Robótica terán lugar os mércores pola tarde cun grupo máis reducido, de 24 participantes. Dirixidas a estudantes de 8 a 11 anos, o seu obxectivo será achegar conceptos de programación aos máis pequenos a través da construción e programación de robots.