Aberta ata o 30 de setembro a matrícula para Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Parque Tecnolóxico de Galicia acaba de abrir a través da súa web o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os seus cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para mozos de entre 8 e 18 anos. As prazas son limitadas e a matrícula, aberta ata o 30 de setembro, farase efectiva por orde de formalización. As clases teñen lugar unha tarde á semana entre outubro e maio.
 
STEAM Kids Tecnópole busca ofrecer aos máis novos unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía desde unha óptica artística e creativa. Está dirixida a escolares de entre 8 e 11 anos, cun límite de 24 asistentes. O programa da actividade aposta por ofrecer aos rapaces e rapazas un conxunto de actividades de aprendizaxe que xiren arredor de distintos campos de coñecemento pero que requiran do uso de todo tipo de habilidades, tal como sucede na vida real.
 
Os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots, aprenderán a programar, voarán drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas.
 
Aulas Tecnópole
 
Para os escolares de 12 a 18 anos, o programa de capacitación en habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa décima edición.
 
Desde outubro ata maio, cada xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, organizada por Tecnópole en primavera.