O controlador do abuso de auga no fogar gaña o primeiro premio da Galiciencia 2016

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O dispositivo de control de abuso de auga no fogar desenvolvido por un estudante compostelán é o gañador absoluto da Galiciencia 2016. O proxecto de Manuel Porto, do colexio Compañía de María de Santiago, foi o mellor valorado polo xurado –formado por medio cento de persoas– entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado cun smartwatch e con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2017.

Durante os tres días que durou a Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes. O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

O innovador dispositivo merecedor do máximo galardón foi presentado na feira a través dun prototipo adosado a un grifo de ducha que permite ver claramente o seu funcionamento. O sistema conta os litros que saen pola billa e detén o chorro ao chegar a unha cantidade suficiente para unha ducha de 5 minutos. Este dispositivo divídese en tres módulos dotados con díodos: un que recolle datos da cantidade de auga empregada, outro que analiza os datos recollidos polo sensor e lle mostra a información ao usuario a través de luces led e sinais sonoros conforme se achega o límite de consumo, e un último que impide o fluxo de auga pola canle unha vez o límite está superado. O fluxo normal de auga reestablécese despois de que pasen 5 minutos.

O segundo premio, dotado cun smartwatch e con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, correspondeulle ao espantallo 2.0 deseñado por Natalia Fariña, das Aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal (Ponteceso, A Coruña). A investigadora construiu dous modelos de espantallo para comparar a súa eficacia: un convencional feito con roupa vella, periódicos e unha pelota; e outro innovador con forma piramidal. A estrutura, deseñada en SketchUp e impresa en 3D, recubriuse con papel reflectante para molestar a vista dos paxaros e reforzouse con leds para facilitar que o papel reflectise cando non houbese sol. No seu interior leva unha placa electrónica na que están conectadas (á parte das luces) unha placa de humidade, unha de son e un sensor de movemento. Tras realizar múltiples probas, comprobouse que o espantallo 2.0 é máis eficaz.

En terceiro lugar quedou Isabel Sáinz, do IES Plurilíngüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, co seu sofisticado estudo do fluxo de muóns con respecto ao seu ángulo cenital de incidencia. A partir da construción dun detector de partículas, de funcionamento similar ao de dous contadores Geiger, a investigadora, que recibiu un smartwatch e unha axuda de 200 euros para asistir á feira científica da Coruña, analizou o fluxo de raios cósmicos con respecto ao ángulo cenital dos detectores. Concretamente, o que se detectaron foron muóns, as únicas partículas capaces de atravesar os detectores, que inciden na nosa superficie de maneira constante.

Máis recoñecementos

De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. O sistema de análise da calidade do aceite usado mediante espectrofotometría desenvolvido por Miguel Rodríguez e Martín Ansia nas Aulas Tecnópole foi destacado por ter o método científico e o proceso de investigación mellor definidos. Partindo de que o aceite de frixideiras sofre alteracións químicas a medida que se vai usando, os investigadores utilizaron a espectrofotometría para detectar cando debe ser retirado e substituído por un novo. Demostrouse que non debe prolongarse a vida útil do aceite máis alá de tres semanas, con tres usos do aceite por semana. O proxecto suma este recoñecemento na Galiciencia ao primeiro premio dos XVII Premios Luís Freire e o terceiro da Exporecerca Jove de Barcelona.

Como proxecto máis innovador, foi premiado o sistema de  percepción somatosensorial mediante estimulación vibrotáctil en persoas xordas, de José María Blanco e David Zapatero, do Colexio Plurilingüe Montecastelo de Vigo. O propósito deste proxecto é mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade auditiva, para o que crearon un chaleco axustado ao corpo no que se sitúan uns micromotores vibradores estimulados polos sons do ambiente e interceptados por un micrófono conectado a un arduino (placa electrónica). Este arduino emite sinais eléctricos que chegan aos motores producindo distintas combinacións de vibracións polas que estas persoas saben o que está sucedendo ao seu redor.

O estudo da biodiversidade do río Lagares e situación do seu ecotono foi merecedor do premio á mellor comunicación e presentación do stand. Aixa Fernández e Paula Figueroa, do CPR Plurilíngüe Alborada de Vigo, estudaron as sucesións planctónicas en dous puntos distintos do río Lagares para identificar os microrganismos e referencialos, ademais de situar a zona onde se produce o efecto ecotono (transición entre dous ou máis ecosistemas distintos). Para levar a cabo o seu proxecto contaron coa colaboración da ECIMAT (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla).

No acto de clausura entregáronse tamén os premios do desafío “Atrévete coas matemáticas”, que celebrou a súa final durante a Galiciencia. As gañadoras foron Victoria Arias, Laura Cotos e Iria Ollero, do IES As Lagoas de Ourense, e Blanca Rodríguez, Raquel Caloto e Andrea Fieiras, do Colexio Maristas de Lugo.