Ziacom venderá un biomaterial óseo que deseñou a UVigo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A Universidade de Vigo e a multinacional médica Ziacom asinaron un acordo que permitirá á empresa española comercializar un biomaterial para rexeneración ósea deseñado ao amparo do proxecto Biofast, impulsado polo Grupo de Novos Materiais, liderado polo catedrático Pío González. 

Trátase dun biomaterial obtido a partir de dentes de tiburón, unha das liñas de investigación que este grupo ten desenvolto desde hai anos. A alianza coa multinacional española, especializada no deseño e fabricación de implantes e produtos para cirurxía bucal, maxilofacial e biomateriais, constitúe un fito, xa que é a primeira vez que se asina un acordo de licencia que permite comercializar os resultados dos proxectos apoiados polo programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación coa colaboración da Fundación Barrié. 

O proxecto Biofast, impulsado polos investigadores do Grupo de Novos Materiais Pío González, Julia Sierra e Stefano Chiussi, enmárcase nunha iniciativa europea de economía circular para a valorización de recursos e descartes da pesca. A experiencia do seu grupo de investigación en materiais cerámicos, unida ás abundantes descargas no Porto de Vigo de pequenos tiburóns procedentes da pesca sustentable, deron pé ao aproveitamento dos dentes dos escualos para obter cerámicas biocompatibles que permitan recuperar tecido óseo antes da colocación dun implante ou tratar ósos humanos danados por fracturas ou debido a un cancro. Este material posúe unhas características fisicoquímicas de suficiente similitude co tecido óseo para que se converta nun produto de aplicación clínica para a reconstrución ósea tras traumatismos ou reseccións de tumores de óso así como aplicacións dentais.

Os ensaios e as probas in vivo en pequenos animais demostraron a biocompatibilidade  do material, a non toxicidade e a capacidade para promover a rexeneración ósea ao mesmo nivel que outros recheos comercializados.

Posteriormente, grazas ao apoio do Programa Ignicia Proba de Concepto, o equipo vigués puido continuar coas probas in vivo, así como desenvolver actividades de marketing e comercialización, apoiados por profesionais especializados, e definir e executar unha estratexia de protección industrial da tecnoloxía. Isto permitiu achegar a tecnoloxía ao mercado e atraer o interese de varias empresas do sector biomédico, sendo a tecnoloxía finalmente transferida á multinacional española Ziacom Medical. 

Fonte: Atlántico Diario