Xunta e Telefónica porán en marcha en 2018 unha aceleradora de proxectos de industria 4.0

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A Xunta e Telefónica porán en marcha o ano próximo "Galicia Open Future: edición retos Industria 4.0", un programa de apoio ao emprendemento no que os participantes deberán propoñer solucións a seis retos no ámbito da Industria 4.0, formulados por empresas tractoras.

"Galicia Open Future: edición retos Industria 4.0" lanzará diferentes convocatorias para cada un dos retos con base nas propostas definidas polas empresas, que serán seleccionadas previamente por Telefónica e a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e XesGalicia.

Admitiranse ata dez ideas por reto, cuxos promotores terán a oportunidade de coñecer en profundidade a problemática e as necesidades formuladas polas empresas durante tres xornadas de traballo intensivo. Tras este período, os emprendedores e startups presentarán os seus proxectos definitivos, dos cales se seleccionarán catro finalistas.

Aceleración, axudas e premios

As catro iniciativas seleccionadas contarán co apoio financeiro da Gain -10.000 euros cada unha- e terán acceso a un programa personalizado de aceleración con sesións de mentoring e coaching especializado, acceso a un espazo de crowdworking na Cidade da Cultura e á plataforma on line de Galicia Open Future. O mellor proxecto do programa de aceleración recibirá unha axuda de 10.000 euros da Amtega.

O proxecto gañador de cada reto recibirá un premio de 20.000 euros a través da Axencia Galega de Innovación, para implantar un piloto da súa solución coa empresa que propuxo o reto.

Ademais, poderá acceder a un empréstito reembolsable de XesGalicia de ata 100.000 euros polo investimento realizado na posta en marcha do piloto. Os outros tres proxectos finalistas, sempre que estean constituídos como empresa, poderán optar a un empréstito reembolsable por un máximo de 50.000 euros.

(Fonte: Economía en Galicia)